publicidade hoxe

A ampliación da ponte da Barcia permitirá un tránsito máis seguro, cómodo e áxil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRois
A-
A+
Ethel Vázquez na vista á ponte da Barcia

Ethel Vázquez na vista á ponte da Barcia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, destacou hoxe que a mellora integral realizada sobre a estrada de Padrón-Rois-Augasantas (AC-301), permitiralle aos cidadáns transitar por esa vía cunha maior seguridade, comodidade e axilidade.

A conselleira supervisou esta mañá o remate das obras de ampliación da Ponte da Barcia, situada na AC-301 ao seu paso polo municipio de Rois, xunto cos alcaldes deste municipio e de Lousame; Ramón Tojo e María Teresa Villaverde, respectivamente, e coa delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo.

Esta obra, que levou a cabo a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) e na que se investiron máis de 95.000 euros, permitiu ensanchar o taboleiro da ponte que cruza o rego de Buxán, dotando a estrada neste punto de dous carrís de circulación de tres metros de ancho, ademais de beiravías.

Vázquez subliñou que “tras os traballos realizados, a ponte conta coa mesma anchura de calzada que o resto da estrada AC-301, unhas obras de ampliación que veñen complementar outra actuación recente realizada pola Xunta e que supuxo a mellora da AC-301 ao longo de case nove quilómetros, na que se investiron máis de 2,6 millóns de euros”. Estes traballos supuxeron unha fonda rehabilitación do firme xa que se incrementou o ancho da calzada e procedeuse á rectificación de curvas.

Por outra banda, a conselleira de Medio Ambiente salientou que non son estes os únicos proxectos de mellora das condicións de circulación e de incremento de seguridade que se van acometer nesta zona. Polo que atendendo ás demandas dos veciños e da alcaldesa, este mesmo verán procederase ao reforzo localizado de firme na AC-308 ao seu paso por Lousame. Estas obras, que recibirán un investimento de aproximadamente 60.000 euros, poñen de manifesto que a conservación e mellora das estradas é unha das prioridades para o Goberno da Xunta, tal e como dixo a conselleira.

8 de xullo de 2015 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.