publicidade hoxe

Xunta e Concello de Sober asinan o convenio para a apertura dun vial entre o colexio e o centro de saúde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+
Ethel Vázquez na sinatura do convenio co alcalde de Sober. Foto: A. Varela

Ethel Vázquez na sinatura do convenio co alcalde de Sober. Foto: A. Varela

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, e o alcalde de Sober, Luís Fernández Guitián, asinaron o convenio para a apertura dun vial entre o colexio público e o centro de saúde deste municipio lucense. A Xunta de Galicia financia a totalidade desta actuación mediante a achega dun investimento de preto de 60.000 euros.

Este proxecto consistirá na apertura dunha vía de 110 metros de lonxitude e 12 metros de anchura, cunha calzada de 9 metros e dous carrís de 3,25 metros e dúas beirarrúas de 1,50 cada unha.

As obras centraranse na pavimentación con capa de rodadura e beirarrúas con pavimento de zahorra, así como na execución de canalizacións subterráneas para as futuras instalacións eléctricas.

Cómpre precisar que o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Sober prevé unha vía no contorno do colexio público, o centro médico e a residencia da terceira idade. A través desta vía darase acceso a unha parcela na que, unha vez urbanizada, se pretenden construír vivendas sociais.

En canto a obrigas, á Consellería de Medio Ambiente corresponderalle o financiamento da actuación e a execución das obras. O Concello de Sober deberá poñer a disposición os terreos necesarios, redactar os documentos técnicos que definan as obras a executar e recibir, explotar e conservar os traballos realizados

1 de xuño de 2015 | 13:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.