publicidade hoxe

Xinzo de Limia atópase á vangarda artística co I Certame de pintura mural “Matrioska”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseXinzo de Limia
A-
A+
Presentación do certame de pintura

Presentación do certame de pintura

Xinzo de Limia organiza entre os días 5 ao 12 de xullo unha actividade que o sitúa á vangarda artística entre as vilas que promoven iniciativas creativas relacionadas ca arte. Trátase do I Certame de pintura mural “Matrioska”, que converterá a capital da Limia nun “gran lenzo” onde artistas de ámbito nacional e internacional pintarán nas paredes medianeiras de sete edificios obras de arte creadas por eles “para reivindicar Xinzo como un lugar de creatividade e achegar ao público o noso traballo artístico”, explicou Iván Prado, representante do movemento “Espacio Matrioska”, na presentación do evento.

A actividade, que co-organizan a Deputación de Ourense, o Concello e “Espacio Matrioska”, “sitúa a Xinzo como un municipio que aposta pola innovación artística e a mocidade”, afirmou Manuel Baltar, engadindo que unha vez máis a nosa provincia sitúase na vangarda creativa, como xa acontece co Ourense ICCWeek e agora con este certame, que representa unha das modalidades máis antigas de creación artística, con referentes no paleolítico, logo no Renacemento e na actualidade na cultura do graffiti”.

O presidente do goberno provincial destacou que talento e creatividade “van da man nunha iniciativa que posiciona a Xinzo como un municipio achegado á arte e que abre novas perspectivas aos creadores”, unha opinión que foi referendada polo alcalde da vila quen afirmou que esta é tamén “unha forma de promocionarse para os novos artistas, favorecendo unha convivencia cultural con outros creadores e interactuando en directo, na mesma rúa, co público”. Antonio Pérez agradeceu o apoio da Deputación de Ourense a esta iniciativa e ao colectivo “Espacio Matrioska” “o pulo que lle está a dar ás disciplinas artísticas, acompañado da dinamización do rural, a promoción e o reclamo turístico”.

Os murais que pintarán os artistas serán seleccionados pro un xurado e realizaranse como anticipo e reclamo das festas patronais de Xinzo. A temática das obras será libre e os creadores disporán de todo material necesario para a realización das pinturas así como do andamiaxe acaído para realizar seu traballo.

Os promotores desta iniciativa, “Espacio Matrioska”, é un colectivo de intercambio, arte, aprendizaxe e convivencia que reúne a novos artistas que tentan abrirse camiño no ámbito laboral das belas artes. Entre os próximos proxectos que van levar a cabo figura a creación dunha residencia de artistas, a organización dun festival de artes e músicas, e un mercado de artesanía.

24 de xuño de 2015 | 16:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.