publicidade hoxe

Uns cen alumnos das Escolas de Vela da ría navegarán pola Educación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMoañaVigo
A-
A+

Entreculturas Vigo e a Federación Galega de Vela, coa participación dos clubs náuticos da ría viguesa, organiza este sábado, 20 de xuño, a I Travesía Solidaria – Navegamos pola Educación, que terá lugar pola ría  cun percorrido entre Vigo e Moaña.

A iniciativa, xurdida da Delegación desta ONG en Vigo e que tivo unha gran acollida por parte do mundo da vela local, especialmente das escolas xestionadas polos diversos clubs, trata de sensibilizar aos participantes (alumnos, monitores e familias) da necesidade de apostar pola educación como un dereito para todos os  nenos e nenas do mundo.

Utilizarase o símbolo da Cadeira Vermella, que Entreculturas emprega habitualmente para lembrar a todos os nenos e nenas  que non poden ir a clase, e realizarase unha recollida de firmas para que a Educación sexa unha prioridade para a ONU no período 2015-2030, que se entregarán en Nova York o próximo mes de setembro.

Calcúlase que ao redor de cen alumnos das Escolas de Vela do Club Marítimo de Canido, RC Náutico de Vigo, da Federación Galega en Bouzas, Moaña Mar, e MRCY de Baiona participen na actividade, que comezará ás 10 da mañá coa chegada de embarcacións e tripulacións ao RC Náutico de Vigo. Alí terá lugar un taller de sensibilización cos mozos, nos que se dará a coñecer Entreculturas, a súa campaña A Cadeira Vermella e animarse a participar na iniciativa Asina pola Educación.  O regatista oceánico vigués, Javier da Gándara, exercerá como padriño de luxo nesta travesía solidaria e acompañaranos nestas actividades.

Ao mediodía realizarase a travesía entre Vigo e Moaña, onde terá lugar a comida de final de acto e a entrega de diplomas e agasallos aos participantes. Durante a actividade nas instalacións de RC Náutico de Vigo instalaranse diversas cadeiras vermellas polo porto, unha delas xigante de dous metros e medio de altura, así como lapis inchables tamén xigantes para animar a asinar pola educación.

Todos deben coñecer, e especialmente os máis novos, a realidade que viven no mundo 57 millóns de nenos e nenas que non van ao colexio en Educación Primaria (63 millóns en Secundaria). Especial atención á educación das nenas. Xa son 31 millóns as que non van á escola e sabemos que se se educa a unha muller, edúcase a unha familia.

Entreculturas é unha ONG, promovida polas Xesuítas, presente nas zonas máis pobres de América Latina, África e Asia. Desenvolve programas que facilitan o acceso á Educación a máis dun millón de persoas e cre no dereito á educación como medio de cambio social, xustiza e diálogo entre culturas. 

18 de xuño de 2015 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.