publicidade hoxe

Unha visita á D.O. Ribeiro completa o “Plan Suíza” do Consello Regulador e seis das súas adegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadavia
A-
A+
Visita dos importadores suízos

Visita dos importadores suízos

A Denominación de Orixe Ribeiro recibiu a visita de diversos importadores suízos á zona para coñecer de primeira man as súas adegas, viños, xentes, paisaxes, climatoloxía, orografía, etc. Esta misión inversa sucede a unha viaxe a Zürich, onde se presentaron nove viños da D.O. Ribeiro nunha posta en escena orixinal e diferente. Dita proposta consistiu nunha cea degustación guiada polo prescriptor líder de opinión e referente mundial en viños españois, David Schwarzwälder,quen conxugou as súas virtudes coas propostas gastronómicas da chef do restaurante Camiño,Sarah Hartmann, nun menú harmonizado con peixes, mariscos e carnes, con viños brancos, tintos e tostados. 

Este proxecto comezou en 2014, cando se asistiu á Feira “Día do Viño” organizada polo ICEX, e presentación para importadores nas cidades de Basilea e Zürich. Así mesmo realizáronse accións educativas en setembro, con talleres nas escolas de hostalaría e sumillería máis prestixiosas do mundo, en sete cidades distintas.

As adegas do Ribeiro decidiron presentarse neste país agrupadas polo Consello Regulador para darse a coñecer nun mercado estratéxico a nivel internacional, e de gran cultura e esixencia no consumo de viño. Os viños foron catalogados como de “primeiro nivel mundial” por un dos máis prestixiosos xornalistas vitivinícolas do país. 

Nesta última acción do Plan Suíza, os importadores visitaron a seis adegas; Viña Costeira, Alanís, Terra do Castelo, Casal de Armán, Ramón do Casar e Finca Viñoa.Tras as visitas, os responsables das adegas mostráronse satisfeitos do nivel dos visitantes entre os que se atopaba a cadea de supermercados máis grande de Suíza e varios negocios especializados en viños de altísima calidade, fomentando así o posicionamento dos viños da D.O. Ribeiro, entre o segmento da excelencia. 

Pola súa banda, os importadores descubriron viños extraordinarios con aptitudes adecuadas para o seu envellecemento en botella (viños de garda), moi adecuados para este mercado maduro e que foron protagonistas dunha sesión inaugural ofrecida en Ribadavia, en forma de cea harmonizada e guiada polo Director Técnico do Consello Regulador, Pablo Vidal. 

Suíza como mercado de exportación 

Actualmente, un 20% de adegas da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia, teñen importador neste territorio alpino. A exportación a este país concéntrase na parte alemá, pero tamén a francesa mostra interese polos viños máis premium que ofrecen as adegas inscritas na D.O. Ribeiro. As adegas exportadoras manifestan o seu interese neste mercado, maduro, experimentado e gran consumidor de viños; no que o cliente final busca a calidade por encima de todo; “aquí as casas teñen cavas de centos de botellas”, comenta un importador que coida aos seus clientes con exquisitas maneiras, ofrecéndolles só viños exclusivos e singulares.  “Creo que catamos algúns viños de nivel mundial, e sen dúbida, ofrecereinos nas miñas tendas”, declarou. 

O éxito desta misión comercial, confirma os pasos a seguir na estratexia de toda a D.O. Ribeiro para ampliar mercados nos sectores onde mellor valórase a historia, a calidade, a diversidade e a procura da excelencia na xestión.

10 de xuño de 2015 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.