publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Un xoven falece e tres resultan feridos ao chocar unha moto e un coche en Melide

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMelidePortada dereitaSucesos
A-
A+

Un mozo de 20 anos faleceu e outros tres de 21, 28 e 31 resultaron feridos nun accidente de tráfico rexistrado na noite do martes ao chocar unha motocicleta e un coche no municipio coruñés de Melide. O sinistro tivo lugar sobre as 23,14 horas do martes na estrada comarcal AC-840 ao seu paso pola Avenida de Lalín, á altura do supermercado Gadis, en Melide, segundo datos da Policía Local e do dispositivo de emerxencias mobilizado.

O 112 Galicia indicou que como consecuencia do impacto, un dos feridos quedou atrapado no interior do turismo e tivo que ser rescatado polos Bombeiros de Arzúa.

As persoas que contactaron co 112 Galicia para pedir axuda aseguraron que, tras a colisión, o turismo quedou encaixado no supermercado que hai na esquina da rúa.

Foron mobilizados o 061, a Policía Local, Guardia Civil de Tráfico e persoal de limpeza e mantemento da vía. Ademais, foron informados os psicólogos do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias por se fose necesaria a atención especializada dos feridos e familiares da vítima.

Ao lugar o 061 desprazou tres ambulancias asistenciais e persoal sanitario do Punto de Atención Continuada (PAC) de Melide para atender catro pacientes.

O persoal sanitario confirmou o falecemento no punto do motorista, o varón G.V.G., de 20 anos, mentres que foron evacuados ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago as mulleres R.C.R., de 28 anos e R.A.B., de 31, e o varón R.S.T., de 21 anos.

3 de xuño de 2015 | 10:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.