publicidade hoxe

Un total de 22 alumnos gradúanse no IES de Brión este ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+
Graduados Brión

Graduados Brión

O salón de actos do IES de Brión quedou pequeno para acoller o acto de graduación dos 22 alumnos e alumnas de Segundo de Bacharelato, que veñen de afrontar os exames de Selectividade. Un acto no que tomaron parte o alcalde de Brión, José Luís García, e o director do IES de Brión, José Antonio Caneda.

O director do centro entregou un diploma acreditativo da concesión dunha Matrícula de Honra á alumna Lucía Adeva Contreras, así como cinco Mencións Especiais ao alumnado con excelente expediente académico. Matheo Zé Thelem Álvarez, como representante do alumnado, aseguroulles aos seus compañeiros que “no os deseo una vida fácil, sino que cometáis errores para que aprendáis de ellos” e rematou o seu discurso cunha frase de Thomas Alva Edison: “Non fracasei, só descubrín 999 maneiras de como non facer unha bombilla”.

O alcalde brionés comezou a súa intervención agradecendo o traballo realizado pola comunidade educativa do IES Brión e ofreceu a colaboración do Concello para que “o IES de Brión siga sendo un dos mellores de toda a provincia”. García tamén agradeceu a dedicación das familias e o traballo levado a cabo polos alumnos e alumnas que se gradúan este ano. “Estou seguro de que aquí recibistes unha moi boa formación, como demostran os moitos premios á excelencia conseguidos por alumnos e alumnas do IES de Brión”, apuntou o alcalde brionés, quen aconsellou aos presentes a “seguir formándose, seguir mellorando cada día e loitando por unha sociedade máis xusta”. 

Finalmente, José Antonio Caneda desexou que “máis que un acto de despedida, gustaríame que isto fose unha homenaxe aos que rematades o bacharelato este ano e un aplauso polo traballo ben feito porque, despois de tres anos de nervios, podedes dicir: misión cumprida”. Así mesmo, advertiulles aos alumnos que “agora empeza a vida con maiúsculas”, polo que lles recomendou que “intentedes facer as cousas o mellor que poidades. Poñede gañas e traballade duro, pero non perdades de vista o lugar de onde vides”.

16 de xuño de 2015 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.