publicidade hoxe

Sogama licita a ampliación e mellora das dúas depuradoras do complexo de Cerceda por 2,5 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCercedaLocal Portada
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) (http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150608/AnuncioG1946-020615-0007_gl.html) vén de publicar a licitación pola que Sogama mellorará e ampliará as dúas plantas depuradoras (unha físico-química e outra biolóxica) coas que conta o seu complexo ambiental de Cerceda. O vencemento do actual contrato de mantemento das instalacións coincide coa necesidad e de optimizar o seu funcionamento, polo que o novo contrato incluirá, ademais da xestión, as actuacións de mellora e ampliación.

A función destas plantas é procesar todos os efluentes derivados do normal funcionamento das distintas plantas integradas nesta infraestrutura, incluíndo igualmente os traballos de ampliación e mellora de ambos os dous dispositivos, que, en todo caso, non deberán superar os 5 meses de prazo desde a firma do correspondente contrato.

No prego de condicións, a disposición dos interesados na Plataforma de Contratación da Xunta de Galicia e na páxina web de Sogama, esíxese que as propostas técnicas teñan en conta todos os aspectos necesarios para cumprir cos requisitos contemplados na Autorización Ambiental Integrada (AAI), así como toda a normativa legal aplicable. De feito, aquelas ofertas que non superen o 50 % da valoración técnica, serán excluídas do procedemento de licitación.

Cómpre lembrar que o prazo para a presentación de ofertas conclúe ás 13 horas do día 28 de agosto do ano en curso.

A facturación a realizar polo adxudicatario constará dunha partida fixa mensual e outra variable en función do volume de augas depuradas, entendéndose como tales os vertidos a canle no caso da depuradora físico-química e os de entrada no caso da biolóxica.

Garantías

O adxudicatario deberá someterse a unha serie de garantías tales como o cumprimento dos prazos de ampliación e mellora das dúas depuradoras, e os de operación e mantemento, garantindo con isto que a depuración dos distintos efluentes se realice dentro do período de produción dos mesmos e, xa que logo, se evite a súa excesiva acumulación, que podería ocasionar vertidos sen depurar.

Igualmente, o contratista debe respectar a garantía de calidade, mantendo en todo momento os parámetros de vertido do efluente dentro dos límites legais, así como a garantía de funcionalidade da ampliación e mellora nas depuradoras, extremo que se comprobará a través das probas pertinentes de posta en marcha.

Tamén debe dar cumprimento á garantía de racionalización de consumo de reactivos, debendo estes manterse dentro das marxes habituais das instalacións para un ano tipo, sendo a súa variación proporcional aos caudais depurados, e á garantía de limpeza e visitabilidade, asumindo ao mesmo tempo as obrigas en materia de seguridade e saúde, así como as obrigas sociais para cos seus traballadores ou subcontratistas.

No caso de que a empresa adxudicataria non responda favorablemente ás esixencias requiridas, Sogama contempla unha serie de penalizacións, que variarán en función da gravidade dos feitos.

8 de xuño de 2015 | 11:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.