publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Sogama aproba a licitación da ampliación das instalacións para reducir en máis dun 30% o envío de lixo a vertedoiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCercedaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Consello de Administración da Sociedade Galega do Medio Ambiente vén de aprobar a licitación das obras de ampliación das súas instalacións co obxectivo de diminuír nun 30 por cento a cantidade de residuos que son desviados ao vertedoiro de Areosa. As obras, que requiren dun investimento de case 30 millóns de euros, consisten na construción dunha nova planta para a recuperación dos envases contidos no lixo en masa, e a remodelación da actual nave de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible. O prazo de execución das obras é de 18 meses e a previsión de que estea a pleno rendemento en 2017.

O Consello de Administración de Sogama autorizou tamén a licitación do proxecto construtivo dunha planta de compostaxe, na que se tratará unha parte da materia orgánica, sendo ubicada no vertedoro controlado de Areosa. Esa instalación terá unha capacidade para 15.000 toneladas ao ano.

O financiamento destas actuacións será posible, en gran medida, grazas á sustentabilidade económica da Sociedade, que no ano 2014 rexistrou uns beneficios de 7,7 millóns de euros. Este balance positivo foi poible polos resultados extraordinarios procedentes dos maiores ingresos da venda de enerxía (1,2 millóns), o incremento das cantidades de residuos xestionadas (1,6 millóns) e á mellora do rendemento do complexo (preto de 1 millón de euros). A estes importes hai que engadir a resolución, a favor de Sogama, dun litixio xudicial cunha subcontrata, representando en torno a 1,4 millóns de euros.

De acordo co Plan de Viabilidade da compañía, ademais das obras de optimización das instalacións, Sogama debe facer fronte nos próximos anos a unha avultada débeda financeira, dando cumprimento aos préstamos pendentes de amortización e la débeda subordinada: 11,8 millóns en 2016; 20,7 millóns en 2017; e 24,7 millóns en 2018.

Na liña das directrices europeas

Coas obras aprobadas polo Consello de Administración, a Sociedade Galega do Medio Ambiente, dependente maioritariamente da Xunta de Galicia, mellorará o rendemento e a sustentabilidade ambiental das súas instalacións, situadas no concello coruñés de Cerceda, e que centralizan o tratamento dos residuos urbanos producidos por 295 concellos, dando cobertura a máis de 2,26 millóns de habitantes.

Nesas instalacións xestiónase unha media de case 800.000 toneladas anuais, e a ampliación permitirá reciclar os envases contidos no lixo en masa (bolsa negra), que se sumarán á actual recuperación do aceiro, aluminio e vidro procedentes do residuo convencional.

Isto fará posible reducir, aínda máis, as cantidades de desperdicios desviadas ao vertedoiro controlado de Areosa, concretamente nunhas 80.000 toneladas anuais (máis do 30 por cento), que xa se viron minoradas nun 46,60 por cento desde o 2009 grazas á maior eficiencia do complexo medioambiental.

Con esta ampliación, unicamente se destinará a vertido o lixo que, polas súas características, non poida ser reciclado nin valorizado enerxeticamente, avanzando cara ao cumprimento dos obxectivos do Plan galego de xestión de residuos urbanos 2010-2020, que prevé triplicar as porcentaxes de reutilización e reciclado.

Avánzase, así mesmo, no cumprimento das esixencias comunitarias na materia conforme ao principio de economía circular, onde os refugallos son conceptuados como recursos de utilidade cos que contribuír ao aforro de enerxía e materias primas.

26 de xuño de 2015 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.