publicidade hoxe

Sober reafirmará co primeiro pleno o seu espaldarazo á Ribeira Sacra como patrimonio da humanidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+

A Corporación de Sober volve ser, catro anos despois, a primeira do Estado español en constituírse ás 00:01 horas, como un xesto simbólico para reafirmar o espaldarazo do Concello á Ribeira Sacra na súa candidatura a Patrimonio da Humanidade. O municipio estará gobernado polo PP, partido que acadou 7 dos 11 concelleiros da Corporación.

O rexedor, Luis Fernández Guitián, quixo agradecer o apoio de todas as institucións, organismos e particulares, como os nosos viticultores e adegueiros, que “día a día” co seu traballo e o seu tesón lle ensinan ao mundo “que esta terra é única e por iso debe ser distinguida pola Unesco”.

Guitián explicou na sesión de investidura que “Sober decide por segundo mandato consecutivo celebrar o pleno máis madrugador de España para que a localidade siga sendo un reclamo “máis alá das nosas fronteiras e sirva como o primeiro paso para que novos visitantes se acheguen á nosa terra”.

O alcalde comprometeuse ademais a seguir deseñando accións que contribúan a que Sober siga tendo un sitio destacado no mapa a nivel internacional, ao tempo que recordou algunhas delas, como o concerto de Sôber en Sober, ou a celebración anual da Feira do Viño de Amandi, un evento que sempre conta coa presenza de pregoeiros relevantes “que levan o nome de Sober alí onde van”.

Tesouros do Concello

O Concello de Sober conta entre os seus recursos patrimoniais e paisaxísticos cunha mostra importantísima de románico, unha ruta de miradoiros, unha de muíños, así como con numerosos sendeiros que transcorren polo viñedos, piar fundamental da economía da zona. Un espazo único para contemplar a viticultura heroica e os Canóns do Sil. Por iso, o rexedor considera esta acción unha forma de dar a coñecer os tesouros do Concello e da Ribeira Sacra en xeral, o que tamén pode contribuír á súa declaración como Patrimonio da Humanidade e “a que os nosos caldos sigan gañando presenza nos mercados nacional e internacional”. 

A sesión plenaria pechou cun brinde con Viño de Amandi, un dos atractivos máis destacables do Concello e da zona sur da provincia de Lugo.

13 de xuño de 2015 | 00:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.