publicidade hoxe

Seguen as representacións na I Mostra de Clubs de Teatro Afeccionado dos centros socioculturais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

Este sábado 13 de xuño continúan as representacións dos clubs de teatro dos centros socioculturais na Sala Agustín Magán do CSC de Santa Marta, no marco da I Mostra de Clubs de Teatro Afeccionado. Serán tres os clubs que pasen nesta xornada polo escenario. A entrada é libre ata completar o aforo da sala.

O programa de actuacións comezará ás 12:30 horas coa representación de Historias arredor dun banco, na que participarán ata 29 nenos e nenas dos clubs de teatro infantil dos centros socioculturais das Fontiñas e de Marrozos, conducidos polo profesor de teatro Roberto Casal Mouriño.

Representarán dúas historias que teñen como elemento común un banco, dos de sentarse, un lugar onde acontecen relación humanas. Será un repaso polas emocións, como as mostramos e como imos dunha a outra. Acompañados de música e baile, os nenos amosarán toda a súa creatividade, sen mais intención que o xogo e a expresión corporal.

Pola tarde, a partir das 19:00 horas, o Grupo de Teatro Forte, do Local Sociocultural da Rocha, representará a obra A caída do Castelo coa participación de oito actores e actrices. O argumento desta obra cómica e fantasiosa sobre a caída do Castelo da Rocha conta como a fame rodea o Castelo e un grupo de intrépidas, ou máis ben imprudentes, penetra no interior das murallas e como verán cambiar para sempre a súa maneira de ver as cousas. O grupo está conducido polo profesor de teatro deste club, Xurxo Barcala.

A mostra de teatro dos clubs continuará durante os sábados 20 e 27 de xuño con novas actuacións doutras formacións dos centros socioculturais.

10 de xuño de 2015 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.