publicidade hoxe

Reunión para organizar o sistema de regulación de acceso ao Monumento Natural da Praia das Catedrais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRibadeo
A-
A+
A directora xeral de Conservación na praia das Catedrais

A directora xeral de Conservación na praia das Catedrais

A directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, sinalou esta mañá que a aposta pola conservación do Monumento Natural da Praia das Catedrais representa unha oportunidade para a economía local de Ribadeo e da súa contorna máis próximas.

A directora xeral participou esta mañá nunha reunión de organización do sistema de regulación de acceso ao Monumento Natural da Praia das Catedrais, onde apostou por aproveitar as oportunidades de negocio que se abren no ámbito do turismo que xeran un importante número de postos de traballo, ao tempo que se establecen os mecanismo para garantir a conservación e protección deste enclave único na Comunidade galega.

Tellado salientou os esforzos da Xunta para facer compatible a preservación dos valores ambientais que motivaron a súa declaración como Monumento Natural co uso público do lugar. Neste reto, apelou á responsabilidade das distintas administracións, así como ao conxunto en xeral, e invitounos a seguir traballando de xeito coordinado e en colaboración para converter ás Catedrais no “auténtico protagonista”.

Recordou que o Goberno galego leva un ano traballando na elaboración deste do Plan de Conservación da Praia das Catedrais, un plan elaborado por especialistas, dialogando e contando con todos. Engadiu que en todo momento se actuou con responsabilidade e salientou que se tomarán as medidas que sexan necesarias para que o plan de conservación funcione da mellor forma posible.

Verónica Tellado afirmou que se explicará o plan todas as veces necesarias, manterase un diálogo aberto cos comerciantes e con todos os colectivos; que seguro que entenderán que o que se busca é promocionar o turismo de Ribadeo, pero de xeito ordenado e sustentable.

En definitiva, a Xunta está a cumprir o seu compromiso de poñer en marcha, no verán de 2015, un plan para protexer o Monumento Natural da Praia das Catedrais da súa principal ameaza: a excesiva concentración de visitantes en determinados días do ano.

Actitude do alcalde

A directora xeral lamentou a actitude que está a manter o alcalde, xa que o propio rexedor municipal dirixiuse á Xunta de Galicia para solicitar “medidas de intervención na ordenación e xestión de usos deste espazo” para garantir a protección e conservación de todo o patrimonio natural, garantir a seguridade dos visitantes e compatibilizar e dinamizar o seu uso para favorecer a economía turística da comarca”, tal e como sinalaba nunha carta remitida ao presidente da Xunta.

Sinalou que a alternativa presentada polo alcalde tradúcese en agardar un mínimo de dous anos máis para ordenar os accesos á Praia, xa que plantexa un plan especial no ámbito urbanístico, cuxa redacción nin está contratada nin comezou a tramitarse.

17 de xuño de 2015 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.