publicidade hoxe

“Puntada sen fío” presentará o seu primeiro disco despois da entrega dos premios do Concurso de Microrrelatos Concello de Fene

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+

A Casa da Cultura acollerá, a partires das sete do serán, a entrega dos premios do V Concurso de Microrrelatos Concello de Fene que convoca o Concello de Fene e os Equipos de Dinamización e Normalización Lingüística dos centros de ensino do municipio. Un acto no que tamén se inaugurará a exposición dos traballos presentados ao Certame de Creación Artística “En galego? É o noso!” e levarase a cabo a entrega de premios colectivos aos centros participantes: CPI A Xunqueira, CEIP de Centieiras, CPR Jorge Juán, CEIP O Ramo, CEIP Os Casais e IES de Fene. Como broche de ouro do acto, o público poderá disfrutar da actuación do grupo musical “Puntada sen fío”, concerto no que presentará o seu primeiro traballo discográfico: “A lúa prendeu a luz”.

Despois de varios anos participando en varios grupos do panorama musical galego como Odaiko, Fía na Roca, Os d’Abaixo, A miña primeira Rosalía ou O meu primeiro Celso Emilio, nace “Puntada sen fío”, trío musical formado por tres amigos e músicos que apostan por un formato reducido e por unha sonoridade diferente e orixinal para achegarse á música tradicional e de autor do noso país. Son Xiana Lastra (voz), Juan Collazo (percusión) e Roberto Rama (saxo e gaitas). O resultado, que se materializou no disco “A lúa prendeu a luz”, que presentan hoxe en Fene, son nove temas moi diferentes entre eles, pero cun nexo común: o pasado. Todos eles falan dun ou doutro xeito de cousas que aconteceron hai anos ou de como afrontar o paso do tempo. Son cantigas baseadas na nosa música tradicional, pero tamén de autor ou mesmo algunha de fóra de Galicia traducida á nosa lingua. Todas elas tratadas cunha sonoridade totalmente diferente á habitual, grazas en grande parte aos instrumentos que utilizan pero, tamén, á man dos grandes músicos Pedro Lamas e Roberto Somoza, que se encargaron dos arranxos.

Pero antes da súa actuación, o Concello entregará os premios aos gañadores do certame de microrrelatos, que son: Paula Cutrín Calvo, alumna de 6º de EP do CEIP Os Casais, e primeiro premio na categoría A (5º e 6º de Primaria) pola súa obra “Lembranzas dun mariñeiro”; na categoría B (1º e 2º de ESO) o gañador foi Diego Rey Lorenzo, alumno de 2º de ESO do CPI A Xunqueira, co seu traballo “Hugo”; Tatiana Luaces Fraga, alumna de 3º de ESO do CPI A Xunqueira, foi elixida na categoría C (3º e 4º de ESO), e David Lamas Calvo, alumno de bacharelato do IES de Fene, resultou gañador na categoría D (Bacharelato) coa obra “Retroceder cara adiante”.

1 de xuño de 2015 | 13:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.