publicidade hoxe

Primeiro encontro entre o concelleiro de comercio e a Asociación Local de Comerciantes de Ponteareas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonteareas
A-
A+
Encontro do edil de Comercio cos comerciantes locais

Encontro do edil de Comercio cos comerciantes locais

O concelleiro de comercio, Mario Lago, acompañado da primeira tenente de alcalde, María Jesús Garrote, e do concelleiro de Novas Tecnoloxías, BenitoMárquez, mantivo unha primeira toma de contacto con varios representantes da Asociación Local de Comerciantes de Ponteareas.

A xuntanza, que tivo lugar na sede da propia asociación, enmárcase dentro do conxunto de reunións que a concellería de Comercio está a manter coas diferentes asociacións do municipio para coordinar unha política común vinculada a este importante sector.

Mario Lago transmitiulles o desexo por parte do consistorio de unir esforzos entre as dúas asociacións de comerciantes existentes actualmente na vila, de xeito que sexa posible traballar de maneira conxunta naquelas datas que son especialmente relevantes para o comercio.

Neste senso, o propio concelleiro manifestou que o sector podería saír moi favorecido dunha colaboración entre ámbalas dúas asociacións na vindeira campaña de Nadal. Unha proposta que foi ben recibida por parte dos representantes da Asociación Local de Ponteareas.

Outro dos puntos tratados estivo relacionado coa posibilidade de tallar o tráfico nalgunhas rúas próximas ao Mercado Municipal todos os sábados pola mañá, permitindo a ampliación da feira que se celebra todas as semanas.

Unha xuntanza máis na procura, por parte da concellería de Comercio, dunha uniformidade nas iniciativas a desenvolver en todo aquilo que estea vinculado ao comercio e a hostalería na vila do Tea.

25 de xuño de 2015 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.