publicidade hoxe

Preséntase en Verín o libro ‘Arqueoloxía do viño. Os lagares rupestres da comarca de Monterrei’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+
Presentación do libro

Presentación do libro

A casa consistorial de Verín acolleu esta mañá a presentación do libro ‘Arqueoloxía do viño. Os lagares rupestres da comarca de Monterrei’, a cargo de Juan Manuel Jiménez, presidente da comisión de seguimento do PCT Puertas de Galicia e alcalde de Verín, e os autores deste libro, Alberte Reboreda, Víctor Rodríguez e Eduardo Breogán Nieto.

Esta publicación encádrase dentro do proxecto de posta en valor do patrimonio etnográfico vinculado ao viño. Trátase da adaptación e edición do traballo de prospección arqueolóxica e documentación de Lagares Rupestres na Bisbarra de Monterrei, realizado polos arqueólogos Alberte Reboreda e Eduardo Breogán Nieto. No libro ‘Arqueoloxía do viño. Os lagares rupestres da comarca de Monterrei’ recóllese a historia da bisbarra, a súa vinculación co viño, así como a catalogación e descrición dos lagares que se foron encontrando durante os traballos realizados.

Ademais da publicación deste libro púxose en marcha a Ruta dos Lagares Rupestres da comarca de Monterrei e a posta en valor de 8 deses lagares cunha sinalización interpretativa onde se explica a súa “arquitectura”, o seu funcionamento e os seus usos, ademais de facer un percorrido polas distintas variedades de uvas cultivadas -nun díptico informativo recóllese información sobre situación e características de cada un deles-.

Para o Plan de Competitividade Turística Portas de Galicia, este proxecto debe servir para a creación dun Produto Turístico onde se poida mostrar ao visitante toda a historia do viño, os viñedos e as actuais adegas, vinculando os actores públicos e privados no desenvolvemento económico da bisbarra.

O Plan de Competitividade Puertas de Galicia está promovido por Turespaña, Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia e once municipios (Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín, Vilardevós, A Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo e Vilariño de Conso), integrados na Asociación de Municipios para o Plan de Competitividade Turística das comarcas de Monterrei e Conso-Frieiras, e a Asociación de Empresarios de Turismo e Hostalería Puertas de Galicia. Entre os obxectivos deste plan están a busca de especialización tanto no destino como no produto, deseñar unha oferta capaz de introducir a experiencia turística como elemento motivador da viaxe, así como a busca da mellora da competitividade das PEMES e MPEMES turísticas para lograr a sostenibilidade do territorio. 

4 de xuño de 2015 | 20:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.