publicidade hoxe

Portos de Galicia finaliza as obras de reforzo do dique de abrigo do peirao de Camelle cun investimento de 260.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCamariñas
A-
A+

Portos de Galicia rematou as obras de reforzo do dique de abrigo do peirao de Camelle, no municipio coruñés de Camariñas. Así o comunicou esta mañá o presidente do ente público, José Juan Durán, nunha visita á zona na que aproveitou ademais para reunirse con membros da confraría, nunha visita acordada con anterioridade e na que se trataron asuntos relativos ao porto. Á visita asistiu tamén o alcalde en funcións de Camariñas, Alonso de León.

Na reunión de traballo realizada durante á visita ao porto, o presidente de Portos de Galicia e os membros da confraría estudaron asuntos referidos ao mantemento e conservación das instalacións da confraría de Camelle e outros temas relacionados coas zonas de traballo do porto.

Por outra banda, os últimos bloques de formigón cos que se reforzou o manto do dique nas zonas deterioradas foron colocados o pasado venres aproveitando as boas condicións do mar, dado que esta acción só pode executarse co mar en calma por razóns de seguridade e mantendo en todo tempo o denominado “protocolo de oleaxe” previsto para estes casos. Estas obras supuxeron un investimento de 260.000 euros.

As obras consistiron fundamentalmente no reforzo do manto principal. Para iso, colocáronse novos bloques de formigón de 55 toneladas na segunda e terceira aliñación do dique, e de 80 toneladas na zona do morro. A defensa interior de protección da terceira aliñación reforzouse con bloques de 20 toneladas e reparouse o pavimento do inicio do dique, ademais de repoñer as varandas. Esta actuación enmárcase dentro das obras de maior envergadura portuaria para a reparación das infraestruturas.

1 de xuño de 2015 | 14:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.