publicidade hoxe

Ponte Caldelas asina un convenio con Coempo para dinamizar o comercio local

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

O alcalde en funcións de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, e o presidente da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Ponte Caldelas (COEMPO), Jesús Peleteiro Villar, asinaron hoxe o convenio anual mediante o cal o Concello destina unha subvención de carácter nominativo a esta entidade para a organización da Feira de Oportunidades e a promoción turística e do comercio local, enmarcada dentro das accións de desenvolvemento económico do municipio.

Segundo Perfecto Rodríguez, a sinatura deste convenio é a plasmación práctica do apoio que destina o Concello ao comercio local ás actividades de dinamización económica que desde COEMPO veñen realizando e que van orientadas a mitigar os graves prexuízos que a crise económica están a provocar aos establecementos do municipio.

 A Feira de Oportunidades, organizada por COEMPO, está a converterse en cita obrigada para os consumidores non só de Ponte Caldelas senón de municipios limítrofes que aproveitan a súa celebración para conseguir produtos de alta calidade a un prezo razoable.

Así mesmo, COEMPO coa súa actividade contribúe a fomentar a promoción turística do municipio servindo as súas iniciativas de escaparate comercial e polo de atracción de visitantes que aproveitan a súa estancia en Ponte Caldelas para realizar as súas compras e coñecer a rica e variada gastronomía local, así como a beleza das paisaxes e a contorna do río Verdugo.

Trátase do último convenio que asina Perfecto Rodríguez como alcalde en funcións, quen manifestou o seu desexo de que o Concello siga impulsando estas actividades promovidas por COEMPO co fin de axudar na dinamización do comercio local e promover a imaxe de Ponte Caldelas como destino turístico de calidade a través da iniciativa emprendedora deste colectivo.

12 de xuño de 2015 | 13:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.