publicidade hoxe

Ponte Caldelas adxudica 4 novos postos do mercado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O Concello de Ponte Caldelas adxudicou 4 novos postos no mercado municipal de Ponte Caldelas que foron solicitados por un empresario para posto de venda de peixe. En concreto adxudicouse 1 posto de lateral (o que quedase vacante) e 3 postos de bancada central.

Hai que lembrar que a finais de 2013 fíxose convocatoria pública para a concesión dos postos vacantes no mercado. Desde esa data, ao non haber solicitudes para completar os postos vacantes, quedou aberta a posibilidade de que algún interesado puidese facer a solicitude cumprindo todos os requisitos establecidos no prego aprobado no seu día.

Isto sucedeu agora, o que permite segundo o alcalde en funcións Perfecto Rodríguez dar un importante impulso a esta instalación municipal, que coa adxudicación destes 3 postos vai ter un nivel de ocupación superior ao 80%, completando ademais unha oferta variada con: venda de peixe, carnicerías e frutería.

Ademais Perfecto Rodríguez lembra que o Concello ten aprobado un proxecto para unha importante reforma do mercado, pendente só da concesión da subvención por parte da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia. O Concello ten aprobada xa a consignación orzamentaria polo que poderá executarse este verán. O proxecto ascende a 62.198 €, dos cales 43.538 € serán achegados pola Xunta de Galicia.

9 de xuño de 2015 | 19:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.