publicidade hoxe

Pazos de Borbén reforza o coidado dos montes e infraestruturas con vinte novos traballadores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPazos de Borbén
A-
A+

O Concello de Pazos de Borbén reforza o seu persoal para os próximos meses grazas á contratación de vinte novos traballadores de distintas categorías. A administración local puido contratar a esta vintena de traballadores grazas a unha subvención concedida pola Deputación para concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes a través dun Plan de Conservación e Funcionamento de Bens e Servizos Municipais de 2015.

Os 20 traballadores divídense en tres categorías. Dez serán peóns forestais, nove traballarán en tarefas de conservación e mantemento de redes de sumidoiros e un será auxiliar de biblioteca.Traballarán cun contrato temporal de seis meses e unha xornada do 75 %, o que supón 25 horas semanais. Ao tratarse dunha subvención concreta e pechada descártase a contratación posterior dos traballadores.

Entre as tarefas que desempeñarán atópanse as de limpeza de mobiliario urbano, parques, xardíns e actuacións de mantemento. O alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Igrexas,defende que con estas novas incorporacións poderase reforzar os servizos e ampliar as actuacións de mantemento en edificios municipais. “Tendo en conta a proximidade do verán e o volume de traballo actual son necesarias estas persoas. Canta máis xente haxa para realizar eses labores, mellor”, sinalou.

Todos as persoas contratadas eran desempregadas que non percibían ingresos nin prestacións sociais como a Risga, RAE ou Prepara. A contratación dos traballadores realizouse baixo un estrito proceso de selección regulado pola Deputación de Pontevedra e durante o cal se valoraron distintos aspectos como a preparación e a situación económica persoal e familiar dos candidatos.

O alcalde de Pazos de Borbén mostrouse moi satisfeito e optimista ante esta iniciativa da Deputación e espera que “con accións como esta, que permiten a contratación de novos traballadores, as cifras do paro comecen a descender xa que, do mesmo xeito que en todo o país, o desemprego é o principal problema do noso municipio”, dixo.

1 de xuño de 2015 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.