publicidade hoxe

Os máis cativos de Touro gozan dunha xornada de pesca no río

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTouro
A-
A+
Xornada de pesca

Xornada de pesca

Nenos e nenas de Touro,  de idades comprendidas entre os seis e doce anos, participaron onte domingo nunha xornada de pesca infantil organizada polo Concello de Touro.  A actividade comezou ás 11.00 horas na área Recreativa da Santaia. Alí concentráronse unha vintena de nenos e nenas co afán de coñecer o mundo da pesca de río e estar en contacto coa natureza. Técnicos da Consellería de Medio Ambiente explicaron aos participantes cales son as especies que habitan nos ríos galegos e concretamente destacaron as características da troita autóctona. Previamente soltaran á primeira hora da mañá  no río Lañas ao redor de 250 troitas autóctonas procedentes do Centro Ictioxénico de Sobrado dos Monxes.

Daquela os nenos participaron na xornada de pesca e atenderon ás explicacións e consellos dos técnicos de Medio Ambiente. Foi unha xornada didáctica sobre natureza.A Festa do Neno, na que se enmarcou a xornada de pesca, continuou pola tarde. E foi na Praza do Luar, na zona onde está situada a Casa da Cultura e a piscina. Alí instaláronse inchables, obradoiros, un tobogán acuático e xogos de auga. O bo tempo animou a que chegasen nenos e nenas de todo o Concello e bañásense nas piscinas. O Mago Xacobe pechou a xornada festiva.

29 de xuño de 2015 | 13:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.