publicidade hoxe

Os colexios de Teo ampliarán o fondo solidario de libros de texto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

Este curso a Xunta de Galicia implantou o programa de fondo solidario de libros de texto para 3º e 5º de Educación Primaria. Iso provoca que o alumnado que recibiu axudas para este curso está obrigado a depositar no propio centro os libros adquiridos mediante esta axuda, o que obriga aos colexios a crear un Banco de libros. A Xunta convoca axudas para a adquisición de libros nos cursos 4º e 6º de Primaria, o que condiciona que eses libros quedarán, unha vez rematado o curso, en poder dos centros.

Casos puntuais como o cambio na editorial de referencia poden provocar que eses libros en depósito non coincidan cos novos. Tal caso ocorre no CEIP de Calo nos cursos de 4º e 6º de Primaria, polo que o Banco de Libros dese centro será só para os cursos de 3º e 5º de Primaria. 

No CEIP da Ramallosa manteñen os mesmos libros que estaban utilizando en Primaria, agás  en 5º e 6º, xa que non utilizan libros de texto por estar no programa de educación dixital EDIXGAL. 

A Concellaría de Educación municipal levaba xa desde o ano 2012 asumindo esta competencia co fin de que as familias do municipio puideran compartir libros de texto e de lectura en bo estado. Esta iniciativa pretendeu servir de apoio económico ás familias, axudándolles a reducir os gastos de escolarización dos seus fillos e fillas. 

O Departamento de Educación, tras chegar a acordo cos centros e coas ANPAS, tomou a decisión de ceder aos centros todos os exemplares dos que dispón co fin de que estes centralicen desde alí o préstamo. Polo tanto, as familias ás que o Concello lles cedese libros en préstamo terán que entregalos no propio colexio ao que acudan os seus fillos, ao cancelarse este servizo no departamento municipal.

18 de xuño de 2015 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.