publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Os CEIP Bergantiños de Carballo, Torre-Illa da Illa de Arousa e Carlos Casares de Nigrán gañan o certame Nós tamén creamos!

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Illa de ArousaCarballoLocal PortadaNigrán
A-
A+

A cuarta edición do concurso Nós tamén creamos!, promovido pola Consellería de Cultura e Educación en colaboración coa Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) e con OQOeditora no marco do programa de dinamización lingüística do mesmo nome, xa ten gañadores. Fixéronse con eles os CEIP Bergantiños de Carballo, Torre-Illa da Illa de Arousa e Carlos Casares de Nigrán. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria fixo pública hoxe a resolución do xurado, que recoñece tres curtas de animación en galego elaboradas por profesorado e alumnado de infantil e primaria.

A través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación do Profesorado e Innovación Educativa, a consellería que dirixe Román Rodríguez ofrece con este programa de dinamización lingüística para os centros educativos materiais, formación e asesoramento para que poidan converter o alumnado, non só en receptor de cine en galego, senón tamén en creador. A iniciativa complétase cun concurso que recoñece as mellores curtas de animación en galego elaboradas partindo de contos coa técnica stop-motion.

“Nós tamén creamos!” persegue incentivar o uso da lingua galega entre os máis novos; favorecer a innovación educativa para promover xeitos cada vez máis efectivos de aprendizaxe de linguas; conseguir unha relación positiva dos rapaces co idioma propio de Galicia, ao relacionalo co audiovisual e coas TIC; abrir unha nova oportunidade para que as nenas e nenos se acheguen á lectura en galego; fomentar a creatividade en lingua galega e difundir as posibilidades de ocio en galego que ofrece a CRTVG.

Tres premios e tres mencións

Na modalidade de educación infantil, a curta premiada foi “A voda dos ratos”, do CEIP Bergantiños, de Carballo; na categoría de primeiro e segundo de primaria, o traballo galardoado foi “Quen levou a lúa?”, do CEIP da Torre-Illa, da Illa de Arousa, e na de terceiro e cuarto de primaria recoñeceuse a curtametraxe “A min non me comas!”, do CEIP Carlos Casares de Nigrán.

De acordo coas bases do concurso, cada un destes centros recibirá un lote de libros de OQOeditora, un agasallo da TVG e mais un diploma acreditativo. Ademais, o profesorado participante nas curtas premiadas recibirá da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria unha certificación de Premio de Innovación Educativa.

A alta calidade dos traballos presentados a concurso motivou que o xurado acordase outorgarlles tamén mencións ás seguintes curtametraxes: “A vella na botella”, do CRA de Meis, pola orixinalidade da proposta estética; “O can e o gato”, do CEIP Josefa Alonso, de Vigo, pola calidade técnica e a creatividade plástica; “Un can e un gato”, do CEIP Santa María, da Fonsagrada, pola expresividade lingüística e a calidade da animación.

Tanto as curtametraxes premiadas coma as que recibiron unha mención poden verse no web www.lingua.gal e mais na sección infantil do web da CRTVG.

3 de xuño de 2015 | 16:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.