publicidade hoxe

Os artistas dos Encontros coa Arte descubren a contorna do río Traba

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+
Encontros en Viceso

Encontros en Viceso

Os 28 artistas plásticos que participan esta fin de semana nos X Encontros coa Arte de Brión participaron nunha sesión de pintura ao natural na contorna da igrexa de Viceso, onde descubriron tanto os encantos da igrexa parroquial como da ruta de sendeirismo que parte daló, seguindo o río Traba. Unha sesión na que estiveron acompañados por ducias de veciños e veciñas, sobre todo coincidindo coa misa matutina.

Para mañá domingo queda programada unha nova sesión de pintura ao natural, entre as 10:00 e as 14:00 horas, no Paseo do Río Pego. Nese mesmo horario, na sala de exposicións municipal da Casa da Cultura, haberá un “Mercado da Arte” no que os que estean interesados poderán conseguir algunhas das obras que se están a realizar estes días. 

Exposición lembrando a Vidal Bolaño 

Na noite de onte, os artistas estiveron acompañados por máis de medio cento de veciños na inauguración da exposición coas obras doadas ao Concello de Brión polos artistas participantes no VIII Encontro coa Arte “Lembrando a Roberto Vidal Bolaño”, celebrado en xuño de 2013. Unha exposición de pinturas nas que se demostra que a paraxe que máis impresionou a aqueles artistas foi  Ponte Maceira, pois máis da metade dos lenzos correspóndense con diferentes vistas desa ponte.

Tanto o alcalde de Brión, José Luís García, como o técnico de Cultura, Alberto Álvarez, lembraron con cariño a figura de Vidal Bolaño. Alberto Álvarez mesmo vencellouno á figura de Manuel María, protagonista dos X Encontros coa Arte, no sentido de que “ambos destacan polo seu compromiso coa sociedade e teñen un importante papel na dramaturxia galega”. Pola súa banda, o alcalde brionés salientou que “esta exposición ten algo de especial para nós xa que, por vez primeira, aunamos dous dos principais referentes da cultura brionesa dos últimos anos: o teatro e a fonda pegada que deixou nel o veciño Roberto Vidal Bolaño; e estes Encontros coa Arte”.

Os 28 pintores que participan nos X Encontros coa Arte son: Alba Roqueta, Antón Sobral, Beatriz Ansede, Carmen Hermo, Carmen Pernas, Chelo Rodríguez, Enrique Ochotorena, Francisco Escudero, Frutos Casado de Lucas, Jaime Galdeano, Jano Muñoz, José Antonio Regidor, José Calarzo, José María Ysmer, Laureano Vidal, Luís Romero, Maica Alonso, Manuel Méndez, María Manuela, María Xesús Díaz, Paco Casal, Rafael Arroyo, Ricardo de Arce, Ricardo Rilo, Veiras Manteiga, Víctor Casas, Xosé Vázquez Castro e Xosé Vizoso.

20 de xuño de 2015 | 19:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.