publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Obradoiros monográficos e coloquios no Plan de Envellecemento Activo de Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

Os Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Verín, e no marco do Plan de Envellecemento Activo que se está a desenvolver, promove a realización de obradoiros monográficos e coloquios, entre outras accións, co obxecto de promover a participación activa das persoas maiores no municipio, ampliar a oferta de actividades para maiores e coidadores de persoas dependentes axeitada aos seus intereses, velar pola promoción de hábitos saudables para o mantemento da autonomía persoal, e fomentar o traballo transversal coa rede de axentes sociais e outros organismos afíns que avancen en cara o proceso de envellecemento activo.

A primeira actividade terá lugar mañá 11 de xuño, a partir das 18.30 horas, co obradoiro monográfico de formación ‘Habilidades de comunicación asertiva’, destinado a coidadores formais de persoas maiores dependentes e persoas interesadas neste tema. O obxectivo prioritario do taller é optimizar, aumentar e estimular as competencias prosociais dos coidadores nas interaccións persoais, así como aprender estratexias de comunicación indirecta que favorezan unha óptima calidade de vida e aumento de autoestima no maior. A formación en habilidades comunicativas con calquera persoa é fundamental e moito máis con persoas que interactuar con procesos de comunicación e linguaxe alterados. Os coidadores de persoas maiores dependentes deben comunicarse, en moitas ocasións dende parámetros distintos, interpretar emocións non dialogadas ou tratar con persoas que sofren desconexión co exterior permanecendo nun aparente illamento comunicativo; e o adestramento en habilidades comunicativas aumenta o uso de estratexias que son relevantes para a comunicación na atención á demencia.

O segundo obradoiro monográfico, ‘Técnicas para o manexo do estrés’, realizarase o 25 de xuño. O mesmo está dirixido ao ámbito do coidado dos maiores dependentes aínda que se abre para a poboación en xeral preocupada polo tema.

Con todo non serán os único obradoiros que se realicen nos vindeiros meses, xa que se programarán máis sesións coa finalidade de ofertar formación a aqueles coidadores de persoas maiores dependentes que, en moitas ocasións, soportan unha carga extra de traballo. A xente interesada en participar nos mesmos deberá formalizar a súa inscrición na Área de Maiores dos Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Verín (Casa da Xuventude. Avda. de Portugal, 11 bis ou teléfono 988-414776). O aforo non excederá das 15 persoas.

Por outra banda, e en liña coa sensibilización e defensa de dereitos das persoas maiores, o 19 de xuño ás 19 horas terá lugar a charla-coloquio ‘A idade non elimina dereitos’. Será na Casa da Cultura de Verín e versará obre a defensa dos dereitos dos maiores relacionada co Día mundial da toma de conciencia do abuso e maltrato á vellez (15 de xuño).  A mesa estará formada por representantes do ámbito sanitario, social e forzas de seguridade do estado. Nesta afondaranse en temas relacionados co dereito a un trato digno cara aos maiores, sobre todo naqueles casos onde a situación de dependencia xera invisibilidade. Xerar unha cultura baseada no respecto cara ao maior, construír políticas sociais dirixidas a unha sociedade envellecida que garantize dereitos e fomente a participación social, fortalecer medidas de prevención para este colectivo vulnerable e dar visibilidade á violencia como sufrimento individual e cotián, son os obxectivos a alcanzar. Está aberta a toda a poboación xeral.

Como parte destas xornadas e en coordinación coa Cruz Vermella Monterrei, poranse unhas mesas informativas en fronte dos Servizos Sociais Comunitarios de Verín o día 15 de xuño, nas que voluntarios/as de Cruz Vermella entregarán folletos informativos sobre esta cuestión.

10 de xuño de 2015 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.