publicidade hoxe

O TSXG dá a maioría absoluta ao grupo socialista en Caldas de Reis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCaldas de ReisLocal Portada
A-
A+
Europa Press

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) deu este martes a maioría absoluta ao PSOE no concello pontevedrés de Caldas de Reis ao declarar válidas dúas papeletas que foran impugnadas polo PP. Diso informou o alto tribunal galego, que sinalou que a súa resolución é firme e non cabe contra ela “recurso contencioso algún, ordinario nin extraordinario”, salvo o de aclaración e o amparo ante o Tribunal Constitucional.

Trátase de dúas papeletas cortadas por baixo do último nome da lista do PSOE, de modo que só afecta ao espazo en branco existente tras o último suplente. “Trátase dunha manipulación intranscendente e nimia (…) e non introduce dúbida sobre a intención do elector”, a xuízo do TSXG.

“Sen prexuízo da manipulación das papeletas litixiosas, a irregularidade que presentan non é invalidante”, concluíu, pois a intencionalidade do voto “prevalece” sobre o principio de inalterabilidade da papeleta.

SEGUE JUAN MANUEL REY

Así as cousas, de novo o socialista Juan Manuel Rey será proclamado alcalde, despois de quedar a un voto o pasado 24 de maio do sétimo edil, o que lle confería a maioría absoluta.

Iso, a pesar de estar imputado por malversación por ordenar, supostamente, o pago dunha multa coercitiva de 600 euros con cargo ás arcas públicas, cantidade que el mesmo restituíu.

De feito, a titular do xulgado de primeira instancia e instrución número un de Caldas xa ditou auto de apertura de xuízo oral para dilucidar se o rexedor, mentres estaba de vacacións, ordenou ao seu tenente de alcalde asinar o pago da multa. Rey xa recorreu á Audiencia Provincial de Pontevedra, órgano ao que compete fixar o xuízo.

23 de xuño de 2015 | 19:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.