publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Plan de Conservación da Praia das Catedrais limitará as visitas a 4.812 persoas diarias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaRibadeo
A-
A+
Praia das Catedrais. Foto: Europa Press

Praia das Catedrais. Foto: Europa Press

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa posterior ao Consello, a aprobación do Plan de Conservación da Praia das Catedrais, dotado cun investimento de 1,5 millóns de euros para os próximos 10 anos, co fin ordenar o uso público deste enclave natural e garantir o seu coidado.

Como lembrou o mandatario galego, a gran confluencia de visitantes da Praia das Catedrais obrigou a poñer en marcha accións inmediatas, desenvolvidas xa no verán de 2014, e accións a medio prazo, como as que contempla o Plan de Conservación do Monumento Natural que hoxe se aprobou no Consello.

Nesta liña, Feijóo salientou que o obxectivo da Xunta é ordenar o uso público da praia para que sexa compatible o seu desenvolvemento como recurso turístico coa conservación do medio ambiente. Como engadiu, este enclave da Mariña lucense non é só “unha das nosas praias máis fermosas, senón que é un espazo único e recoñecido por varias figuras de protección ambiental”. De feito, recordou que, aparte de ser considerado monumento natural, conta con interese xeolóxico e mineiro e forma parte da Rede Natura 2000 e da Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terra de Burón.

Por este motivo, o Goberno galego ve preciso, segundo explicou Feijóo, dar pasos decididos para evitar a súa degradación pola presión turística e garantir que os seus valores ambientais se manteña ao longo do tempo.

Como engadiu, iso é o que pretende este Plan de Conservación, que ademais “é froito do diálogo e da participación de diferentes administracións”, así como o resultado dunha “diagnose científica sobre as principais ameazas que afronta este espazo protexido”.

Os obxectivos do Plan de Conservación

Entre as medidas que inclúe o Plan, Feijóo fixo fincapé en que “establece unha regulación do acceso público nos momentos de maior afluencia”, permitindo 4.812 visitantes diarios nos meses de xullo, agosto, setembro e en Semana Santa.

Así mesmo, o titular da Xunta puxo en valor que o Plan propón cinco obxectivos estratéxicos. O primeiro deles, segundo asegurou, será avanzar no coñecemento do espazo protexido, así como dos riscos e das ameazas que encara. Neste punto, prevese un inventario de hábitats naturais e de especies de flora e fauna silvestre.

En segundo lugar, Feijóo avanzou que o Plan tratará de evitar a perda da biodiversidade e loitará pola conservación de hábitats, mediante o seguimento e control das especies exóticas invasoras e mellorando o estado de conservación da matogueira costeira.

Ademais diso, outro dos obxectivos estratéxicos basearase en acadar un uso ordenado e compatible coa conservación dos valores naturais do espazo. Así, ademais de regular o acceso nos períodos de maior confluencia de visitantes, apóstase por favorecer a desestacionalización da demanda. Do mesmo xeito, está prevista a difusión da normativa de uso público e o control e vixilancia do seu cumprimento.

Por outra banda, o titular do Goberno galego fixo fincapé na importancia de apostar pola mellora paisaxística do patrimonio natural, para o que se recollerán medidas como a ordenación e homoxeneización dos paneis informativos de diferentes organismos; a eliminación de noiros artificiais e a recuperación da topografía orixinal do terreo, cando sexa necesario; iniciativas para mitigar ou reducir o impacto visual dos equipamentos e das infraestruturas existentes ou previstos; desenvolver actuacións para ordenar os accesos e áreas de aparcadoiro e a venda ambulante, así como para a promoción de medios de transporte alternativos ao vehículo particular; ou a ordenación dos sendeiros e accesos interiores ao monumento natural.

Por último, o Plan tamén avogará por favorecer o compromiso social, fomentando o coñecemento e a implicación na conservación do monumento natural, mediante a promoción de campañas e da coordinación con outras administracións, coa comunidade científica e coa poboación en xeral.

Segundo concluíu Alberto Núñez Feijóo, trátase dun Plan “que fará posible unha xestión máis eficiente dos recursos públicos” e que cómpre valorar como “unha oportunidade, sen dúbida, de desenvolvemento económico para o sector turístico, para a hostalería e para o ocio, compatibles coa conservación dos valores ambientais que motivaron a declaración de Monumento Natural das Catedrais”. “En consecuencia, o que queremos, é que se siga visitando un monumento que temos a obriga de conservar e este é o primeiro Plan de Conservación integral que se acomete por un Goberno en relación á praia das Catedrais”, aseverou o presidente da Xunta, que tamén lembrou que o acceso ao enclave seguirá sendo gratuíto e que a partir do vindeiro 1 de xullo os visitantes deberán contar cunha autorización que poderá conseguirse desde 15 días antes na dirección web http://ascatedrais.xunta.es.

11 de xuño de 2015 | 16:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.