publicidade hoxe

O pavillón de Lavandeira de Cabanas acolle a VI Tarde Solidaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabanas
A-
A+

O pavillón de Lavandeira, no municipio de Cabanas, será de novo escenario este sábado da Tarde Solidaria organizada por Cabanas Rural Asociación de Mulleres a beneficio de AFAL Ferrolterra. Aínda que a entrada é gratuíta, na cita póñense á venda rifas coas que o público pode colaborar coa labor que leva a cabo a asociación a favor das familias e das persoas afectadas de alzhéimer, xa que a súa recadación destínase integramente a esta causa. Este ano, a Tarde Solidaria cumpre a súa sexta edición, convertíndose nunha das citas solidarias decanas na comarca, e os seus promotores confían en reeditar rexistros de participación similares ou incluso maiores a anos anteriores, cando congregou ao millar de persoas. Arrancará ás 16,30 horas, coa benvida aos asistentes e, cinco minutos máis tarde, comezará unha vistosa e espectacular exhibición de baile a cargo de Fusion Dance, que un ano máis volve colaborar desinteresadamente coa Tarde Solidaria.

Bailaríns de todas as idades amenizarán a velada. Unha hora máis tarde, sobre as cinco e media, os maiores de AFAL Ferrolterra e as alumnas dos talleres de Cabanas Rural protagonizarán un dos momentos máis bonitos da xornada. Baixo a dirección da pintora e profesora María Porto, crearán un cadro que, como é costume, pasará a decorar o centro de día terapéutico de AFAL. E faranno co aliciente de escoitar a música da tuna, que inundará o pavillón. Ás 18,15 horas dará comezo a merenda, a base de biscoitos e chocolate e, media hora máis tarde, a tuna volverá a animar o ambiente cunha actuación que se prolongará ata as 19,20 horas. Nese momento, os maiores de AFAL participarán nunha actividade de ximnasia terapéutica, acompañados dos membros do ximnasio Xiros das Pontes.

E, sobre as 19,45 horas, todos os participantes faránse a foto de familia. Por último, ás 20 horas, procederase ao sorteo dos agasallos cedidos por particulares e establecementos entre aqueles que mercasen as rifas, cuxa recadación se destina a AFAL Ferrolterra. Nesta liña, AFAL Ferrolterra reitera o seu agradecemento a Cabanas Rural Asociación de Mulleres polo incrible traballo que leva a cabo para facer posible esta iniciativa solidaria e, xunto a Cabanas Rural, desexa animar á veciñanza a que asista este sábado á Tarde Solidaria para pasar unhas horas agradables, solidarias e na mellor compañía.

5 de xuño de 2015 | 14:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.