publicidade hoxe

O Partido Socialista perde a maioría absoluta en Caldas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCaldas de ReisLocal Portada
A-
A+
Europa Press

A Xunta Electoral Central admitiu o recurso do PP, de forma que anula as dúas papeletas emitidas en Caldas (Pontevedra) que a finais de maio foran validadas pola Xunta Electoral de Zona e que lle daban a maioría absoluta ao socialista Juan Manuel Rey para seguir gobernando neste municipio. Segundo confirmou o propio rexedor en funcións, a resolución foilles comunicada este luns, pero o PSOE xa avanzou que presentará un recurso contencioso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Se como é previsible ao TSXG non lle dá tempo de pronunciarse sobre este caso antes do próximo sábado 13 de xuño, a corporación de Caldas non podería constituirse nese prazo e habería que agardar ao mes de xullo, segundo explicou Juan Manuel Rey.

Ao respecto, a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (Loreg) sinala que as corporacións municipais nas que se presentase recurso contencioso-electoral se constitúen o cuadraxésimo día posterior ás eleccións.

PAPELETAS EN CUESTIÓN

O pasado 29 de maio, por unanimidade a Xunta Electoral de Pontevedra decidira dar por bos dous votos a favor do PSOE que previamente foran declarados nulos. O escrutinio das eleccións municipais do 24 de maio atribuíra ao PSdeG 2.509 votos, co que quedaba a un só sufraxio de conseguir o sétimo concelleiro e, polo tanto, a maioría absoluta para poder gobernar sen depender doutras forzas.

Estaban en cuestión dúas papeletas que apareceron cortadas pola zona en branco, xusto por debaixo dos nomes da candidatura do PSOE e que a Xunta Electoral de Zona decidiu dar por válidas porque entendía que a vontade de voto estaba clara.

Non obstante, agora a Xunta Electoral Central anúlaos, co o PP recupera un concelleiro e pasa a dispoñer de catro, mentres que o PSOE contará con seis, Independentes de Caldas de Reis disporá de dous concelleiros e o BNG dun.

SITUACIÓN XUDICIAL

Juan Manuel Rey está imputado, despois de que o Xulgado de primeira Instancia e Instrución número un de Caldas acordase, a mediados de maio, a nulidade do auto de apertura de xuízo oral que ditara o 30 de marzo contra o alcalde. Á súa vez, ditou un novo no que, de acordo co escrito de conclusións provisionais presentado pola Fiscalía, se decretou de novo a apertura de xuízo oral.

O caso refírese ao pagamento dunha multa coercitiva, en setembro de 2010, de 600 euros con cargo aos fondos públicos do Concello, cantidade que Juan Manuel Rey restituíu. A xuíza cre que debe dilucidarse en xuízo oral se o rexedor, mentres estaba de vacacións, ordenou ao seu tenente de alcalde asinar o pagamento da multa e sinalou que o órgano competente para o axuizamento é o tribunal do xurado da Audiencia Provincial de Pontevedra.

Precisamente, este órgano provincial ten pendente resolver sobre un recurso presentado por Juan Manuel Rey e en última instancia decidir a data de xuízo. A esta circunstancia agárrase o PSdeG para non tomar polo momento unha decisión contra o rexedor de Caldas, de forma que non activou o código ético, que impón a suspensión de militancia se chega a sentar no banco.

De non prosperar o seu recurso ante a Audiencia Provincial de Pontevedra por “vulneración de dereitos fundamentais” porque “non existe elemento indiciario algún que sosteña as acusacións de que “houbo unha orde” do rexedor para o pagamento da multa Juan Manuel Rey xa dixo que sopesaría “recorrer en amparo ante o Tribunal Constitucional” para solicitar “a suspensión preventiva do procedemento” aberto contra el e que suporía a súa expulsión do PSOE.

8 de xuño de 2015 | 16:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.