publicidade hoxe

O III Rally de Regularidade Vila de Lalín contará cunha ruta de 208 quilómetros polas estradas da comarca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaLalín
A-
A+
Presentación do III Rally de Regularidade

Presentación do III Rally de Regularidade

A escudaría lalinense de coches clásicos, O Toxo, presentou esta mañá no concello o III Rally de Regularidade Vila de Lalín, que arrancará o vindeiro día 11 dende as inmediacións do consistorio para percorrer unha ruta de 208 quilómetros polas estradas da zona. O presidente do club automobilístico, Víctor Grande, explicou polo miúdo as características da proba que, ao igual que o ano pasado, terá un compoñente solidario, xa que cada participante aportará alimentos ou produtos de hixiene que posteriormente serán doados a unha ONG.

A peculiaridade da competición radica en que non se trata dunha carreira de velocidade, senón que os participantes deben circular adaptándose aos tempos que o libro de ruta lles vai asignando para cada treito. Cada segundo que un equipo se exceda ou se quede curto, contará como un punto, saíndo campión aquel grupo que acade menos  ao seu remate.

O prazo de inscrición leva aberto varios días. Polo momento hai 44 participantes apuntados, dos que 12 son de Lalín e da comarca. O tope establecido pola organización está en 60 pilotos. 

A Escudaría de Clásicos o Toxo quere homenaxear ao piloto falecido o ano pasado, Manuel Alfaro, dándolle o seu nome a un dos trofeos da competición e retirando simbolicamente o dorsal número 1 da proba. Así mesmo, e tratando de fomentar o deporte feminino, este ano haberá de novo un premio especial para as mulleres participantes. 

Dende o club agradeceron a colaboración do Concello de Lalín no evento e mostráronse moi satisfeitos por poder efectuar a saída dende as inmediacións do Castro Tecnolóxico.

Pola súa parte, o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, na rolda de prensa de presentación na que estivo acompañado polo edil de Deportes, Miguel Medela, e pola concelleira Lara R. Peña, dixo sentirse “encantado” coa realización dunha competición que “persoalmente me gusta moito, sobre todo pola súa vistosidade”. Neste senso, recalcou que o Concello seguirá colaborando en próximos anos coa organización “para darlle a máxima difusión e recoñecemento posible”.

30 de xuño de 2015 | 18:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.