publicidade hoxe

O Igape destaca en Ponteareas que o compromiso de Kauman coa mellora da competitividade reforza a súa internacionalización

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonteareas
A-
A+

O director xeral do Igape, Javier Aguilera, salientou que o compromiso da compañía ponteareana Kauman coa constante mellora da competitividade está a reforzar e consolidar a súa internacionalización en mercados dos cinco continentes. Aguilera visitou hoxe as instalacións da empresa, que exporta arredor do 80% da súa produción a máis de 50 países, e destacou a súa aposta pola mellora continúa dos seus procesos, que se traduce en produtos máis competitivos e máis demandados nos mercados internacionais.

O director do Igape salientou que Kauman se ten apoiado nos servizos avanzados que ofrece o Igape a través do programa ReAcciona para impulsar e desenvolver o seu plan estratéxico e para optimizar os seus procesos de produción. Ao mesmo tempo, a compañía contou tamén cos servizos de apoio do Igape á internacionalización, tanto en orixe como en destino.

Kauman é unha compañía líder en España e referente mundial, especialista no deseño e fabricación de bandas transportadoras que comercializa en todo o mundo, grazas á súa constante aposta pola innovación e mellora dos seus procesos e produtos. Con 80.000 metros cadrados de instalacións produtivas en Galicia e Uruguai, Kauman conta con dez liñas de produción con capacidade para fabricar 600.000 metros cadrados anuais de todo tipo de bandas transportadoras de caucho de alta resistencia.

A empresa con sede central en Ponteareas produce tamén planchas, pavimentos, paneis de protección, correas de transmisión e outros produtos asociados a sistemas de transporte, ao tempo que facilita servizos técnicos de empalme e reparación.

Kauman dispón de departamento propio de I+D+i para asegurar o control e a mellora continua dos seus produtos, desenvolvendo no seu laboratorio patentes e fórmulas exclusivas de caucho de características especiais, resistente a altas temperaturas.

19 de xuño de 2015 | 13:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.