publicidade hoxe

O goberno local explicará aos veciños de Brexo Lema o proxecto de mellora da estrada Cambre-Carral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambre
A-
A+

O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño,  mantivo hoxe unha reunión con responsables da Deputación Provincial para coñecer o proxecto de mellora da estrada que une Cambre con Carral ao seu paso por Brexo Lema. Trátase dunha actuación que executará o organismo provincial e que inclúe a construción dunha semiglorieta (á altura do Cruceiro) e a mellora da sinalización e seguridade viaria.

García Patiño explicou que o proxecto xa “non pode ser modificado” a estas alturas e que, aínda non sendo o que máis nos convence, porque o que queremos é unha rotonda de “primeira” e non a que van executar, si posibilitará mellorar a seguridade nun tramo no que era necesario desenvolver algunha intervención”. 

No entanto, antes de que se inicien as obras, o alcalde considera necesario que “os veciños coñezan o proxecto”, xa que ata agora ninguén llo mostrou,  e por iso, o vindeiro venres, día 19, ás 20.30 horas, manterá unha reunión con eles,  para “explicarlles os traballos previstos e os pormenores do proxecto”.

O rexedor indicou que esta será a forma que terá o goberno local de “facer as cousas” porque “consideramos que son os veciños os que primeiro, antes que ninguén, deben coñecer o que se pretende facer en cada sitio”. Explicou que aínda que xa non hai marcha atrás en canto aos traballos previstos, porque xa están contratados e a piques de iniciarse, o que si é necesario é que “como mínimo, os veciños,  teñan información puntual do que está proxectado facer”.

17 de xuño de 2015 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.