publicidade hoxe

O goberno galego desenvolverá nas vindeiras semanas unha campaña informativa sobre a regulación de accesos á praia das Catedrais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRibadeo
A-
A+

A Xunta de Galicia desenvolverá nas vindeiras semanas unha campaña informativa sobre a regulación de accesos á praia das Catedrais, dirixida tanto aos colectivos e asociacións profesionais como á sociedade en xeral. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o Plan de conservación do monumento natural da praia das Catedrais, un documento que prevé un investimento de máis de 1,5 millóns de euros e a regulación do acceso nas épocas de maior confluencia de visitantes.

Este documento é froito do diálogo e da participación de diferentes administracións, colectivos e organizacións e que incorporou en gran medida as alegacións e informes solicitados nos dous procesos de participación pública a que foi sometido. 

O plan nace da preocupación polo perigo de degradación deste espazo protexido, situado no concello de Ribadeo e de gran atractivo turístico, e ten como  obxectivo xeral facer compatible a preservación dos valores ambientais que motivaron a declaración de monumento natural co desfrute público do lugar.

O resultado é un instrumento de planificación que, a partir dun diagnóstico científico sobre as principais ameazas que afronta o espazo protexido, establece un réxime de usos e aproveitamentos. 

Esa avaliación de riscos permitiu constatar que a excesiva concentración de visitantes durante determinadas épocas do ano representa un risco severo para a conservación dos hábitats prioritarios do monumento natural da praia das Catedrais, e as probas de carga realizadas cifran en 4.812  persoas e día o límite recomendable para evitar danos. 

O plan conta co aval do Consello Galego de Medio Ambiente e o documento final ten en conta as achegas do Concello de Ribadeo e a asociación de comerciantes maioritaria dese concello, Acisa, para establecer un sistema activo e presencial de regularización dos accesos ao areal, dotado con persoal de control e información, tal e como está previsto. 

Ademais, a directora xeral de Conservación da Natureza mantivo esta semana xuntanzas cos alcaldes de Ribadeo e Barreiros, destinadas a coordinar o funcionamento do sistema de autorizacións. Reuniuse tamén con Acisa, que valorou o Plan como unha oportunidade para o mellor desenvolvemento turístico do municipio. 

Autorización necesaria desde o 1 de xullo

A partir do vindeiro 1 de xullo os visitantes que se acheguen á praia das Catedrais deberán contar cunha autorización gratuíta que poderá conseguirse desde 15 días antes no enderezo web http://ascatedrais.xunta.es. 

Cada persoa poderá reservar un máximo de 30 autorizacións para un mesmo día, aínda que as axencias de viaxes disporán da posibilidade de reservar as autorizacións necesarias para grupos con visitas concertadas. Así mesmo, a Xunta distribuirá unha porcentaxe de autorizacións diarias entre os concellos de Ribadeo e Barreiros, as asociacións de hosteleiros da zona e o Clúster de Turismo de Galicia, co obxectivo de facilitar a súa distribución entre os visitantes. 

Deste xeito faise fronte non só ao risco de degradación dos valores ambientais e paisaxísticos deste espazo, senón tamén á saturación dos servizos e accesos á praia, e á percepción global do que debe constituír un espazo natural protexido. 

Cinco obxectivos, 12 liñas de acción

O Plan establece cinco obxectivos estratéxicos que, a través de medidas concretas, levarán aparellado un investimento de máis 1,5 millóns de euros. Eses obxectivos son os seguintes: 

– Avanzar no coñecemento do espazo protexido, así como dos riscos e das ameazas que encara. Prevese neste punto o inventario de hábitats naturais e de especies de flora e fauna silvestre.

– Evitar a perda da biodiversidade e a conservación de hábitats, mediante o seguimento e control das especies exóticas invasoras e mellorando o estado de conservación da matogueira costeira.

– Acadar un uso ordenado e compatible coa conservación dos valores naturais do espazo. Ademais de regular o acceso nos períodos de maior confluencia de visitantes para reducir a presión do uso público no lugar, apóstase por favorecer a desestacionalización da demanda e a promoción doutros puntos de interese turístico na comarca da Mariña.

– A mellora paisaxística do patrimonio natural. Para acadar este fin, recóllense a ordenación e homoxeneización dos paneis informativos; a eliminación de noiros artificiais e a recuperación da topografía orixinal do terreo; iniciativas para mitigar ou reducir o impacto visual dos equipamentos e infraestruturas existentes ou previstos; actuacións para ordenar os accesos e áreas de aparcadoiro e a venda ambulante, así como para a promoción de medios de transporte alternativos ao vehículo particular; ou a ordenación dos sendeiros no monumento natural.

– Favorecer o compromiso social, fomentando o coñecemento e a implicación na conservación do monumento natural, mediante a promoción de campañas e da coordinación con outras administracións, a comunidade científica e a poboación local.

Medidas en marcha

Cómpre sinalar que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, xa tomou distintas medidas encamiñadas á protección do espazo natural das praia das Catedrais, tal e como se recolle no Plan de conservación. Co fin de preservar os valores desta zona protexida, a Xunta contratou guías durante o verano do 2014 e o período da Semana Santa 2015. Neste ano, contratarase de novo este servizo, que será reforzado.

Con isto, tratarase de facilitar un desfrute axeitado aos visitantes, reforzando a información a través dos guías especializados no propio enclave e nas alternativas turísticas da contorna, e incrementarase tamén a vixilancia para evitar actuacións que degraden o medio.

Desde mediados de 2014 as diferentes accións para mellorar o uso público, mellora da información aos visitantes e o reforzo da sinalización levan suposto un investimento de 158.000 euros.

Reforma das escaleiras

Estas medidas súmanse ás postas en marcha polo Ministerio de Medio Ambiente, que en colaboración coa Xunta, está a planificar actuacións na contorna do monumento natural, dentro da zona de dominio público marítimo terrestre, que inclúe, entre outras, unha reforma da escaleira de acceso á praia que mellorará substancialmente a accesibilidade ao areal.

A ampliación do acceso contribuirá a desconxestionar e ordenar o acceso dos visitantes, estando previsto o desdobramento da escaleira para separar a entrada de persoas da saída do areal.

12 de xuño de 2015 | 12:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.