publicidade hoxe

O goberno de Soutomaior estuda medidas para potenciar a feira de Arcade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+

O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, reuniuse onte co presidente da Asociación Galega de Ambulantes e Autónomos, Francisco Romero Alvite, coa intención de estudar medidas para revitalizar e potenciar a feira de Arcade. Entre as posibles medidas destaca o traslado da feira á alameda Tallo Río, no centro de Arcade, para potenciar tanto o mercadillo como a economía local ao aumentar a afluencia de veciños na zona que máis establecementos comerciais agrupa en todo o concello.

A situación da feira preocupa no Concello de Soutomaior. A realidade actual está moi lonxe da de anos anteriores, na que o mercadillo contaba os seus postos por decenas. A día de hoxe, apenas chegan a dez os postos instalados. Con todo, este feito viuse como unha oportunidade no Concello para revitalizar a propia feira e a economía local mediante un traslado do mercadillo ao centro de Arcade, o que incrementaría a asistencia de público tanto á feira como ao resto de establecementos dos arredores.

Con esta intención reuníronse onte o alcalde, Agustín Reguera, e o presidente de AGAA, Francisco Romero. Entre as medidas propostas para revitalizar a feira destacan, ademais do traslado a Tallo Río, a utilización do aparcadoiro lindeiro polo lado sur para os vehículos dos feirantes, revisar á baixa as taxas municipais de ocupación da vía pública para venda ambulante e respectar os dereitos dos ambulantes actuais á hora de outorgar os postos e sortear publicamente o resto anunciándoo previamente nos medios de comunicación.

Ademais, o Concello comprometeuse a tomar diversas medidas para mellorar a calidade e a orde do mercadillo, entre elas está o establecemento das medidas regulamentarias para cada posto, a elaboración dun plano do mercado e as condicións nas que se celebrará o sorteo de postos.

Do mesmo xeito os comerciantes exporán nos seus postos, sempre á vista do público, un panel no que figurarán os datos e fotografías do titular e persoas autorizadas na licenza, que terán que estar dadas de alta na Seguridade Social e con alta no AIE.

5 de xuño de 2015 | 20:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.