publicidade hoxe

O Festival PortAmérica Rías Baixas chega á cuarta edición cunha maridaxe de música, cultura e gastronomía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioNigrán
A-
A+
Europa Press
Presentación Festival PortAmérica

Presentación Festival PortAmérica

O festival PortAmérica Rías Baixas, que terá lugar do 16 ao 18 de xullo, iniciou a conta atrás para o arranque da súa cuarta edición, que este 2015 levará unha “maridaxe de música, cultura e gastronomía” a Nigrán (Pontevedra), con concertos de artistas de relevo internacional e actividades gastronómicas e catas e cursos de tiraxe de cervexa.

Os detalles do evento foron presentados este martes na Cervecería Estrella Galicia de Vigo, onde o director de PortAmérica Rías Baixas e de Esmerarte Industrias Creativas, Joaquín Martínez, lembrou que este evento “desde o principio” apostou por contidos iberoamericanos.

Tal e como indicou, nesta ocasión o festival volverá contar con dous escenarios que terán o mesmo funcionamento que na anterior edición, intercalando as actuacións entre un e outro. Ademais, este ano renderase homenaxe á música de Vigo e comarca nas súas distintas etapas, desde grupos que están a sacar o seu primeiro disco a outros artistas máis consolidados.

Así, o xoves 16 actuarán Gorillaz Sound System Dj Set, Siniestro Total, The Asteroids Galaxy Tour, Killer Barbies, Ana Tijoux, Little Jesus, Villanueva, Belako e Carmen Johns. Aínda que estaba prevista tamén a actuación de Molotov, Martínez confirmou que finalmente non estarán despois de que cancelase a súa xira europea, polo que proximamente anunciarase un novo grupo.

O venres 17, interpretarán os seus concertos Vetusta Morla, Calle 13, Buzzcocks, Niños Mutantes, Novedades Carminha, Addictive Tv, Eladio y los seres queridos, Pasajero, Sensacional, Neuman e Bflecha.

Finalmente, o sábado 18 subiranse ao escenario The Divine Comedy, Supersubmarina, Xoel López, Pedrina y Río, Is Tropical, Arizona Baby, Mi Capitán, The Soul Jacket, Jenny and the Mexicats, Agoraphobia y Gato Tv.

GASTRONOMÍA

O cociñeiro con Estrella Michelín, Pepe Solla, tamén participou na rolda de prensa deste martes, na que indicou que nesta edición de PortAmérica participará como comisario do ‘Co-Cooking ShowRocking’ coordinando a todos os chefs, que este ano serán máis dunha vintena de 19 restaurantes distintos.

Entre eles, participarán os cociñeiros con Estrella Michelín Roberto Ruiz, Alberto González,Yayo Daporta, Javier Oleiros, Daniel Guzmán, Julio Sotomayor, Juanjo Pérez e Yolanda León. Pola súa banda, Beatriz Sotelo finalmente non participará por problemas de axenda, polo que no seu lugar incorporarase outro cociñeiro con Estrella Michelín, ao que tamén se unirá un máis que representará á cidade de Vigo.

“Non hai un festival igual en todo o mundo”, sentenciou Solla, que destacou que hai representación de cociñeiros de todas as cidades de Galicia. Segundo explicou, cada día dos tres que durará o festival haberá un total de seis cociñeiros, que se repartirán en dúas quendas.

Con iso, prevén dar unha oferta gastronómica moito máis ampla, con tapas que terán “moita influencia latinoamericana”. As tapas terán un prezo de tres euros por unidade e nesta edición prevén vender “máis de 7.000”, pois o ano pasado quedaron “moi curtos” e nesta edición dobrarán horario e oferta.

Ademais, alumnos de escolas de hostalaría galegas tamén participarán a través do programa ‘Co-cooking’, onde “aprenderán e desenvolveranse cos mellores” durante o transcurso da actividade gastronómica do ‘Showrocking’.

Finalmente, o Brand Manager de Estrella Galicia, Santiago Miguélez, que destacou que PortAmérica é “unha das grandes referencias a nivel de festivais en Galicia”, anunciou que lle darán “unha volta” ao festival e este ano incluirán por primeira vez catas, degustacións e cursos de tiraxe de cervexa. Unha “apoloxía da nosa cultura cervexeira”, remarcou.

ABONOS E TRANSPORTES

O subdirector de PortAmérica Rías Baixas e Esmerarte Industrias Creativas, Carlos Rodríguez, indicou que o prezo actual dos abonos é de 45 euros máis gastos, prezo que subirá a partir do día 1 de xullo. Pola súa banda, a entrada diaria mantense a 25 euros e o prezo por acampar cinco días é de 20 euros.

No relativo ao transporte, a organización volverá pór en marcha coa empresa Autna rutas directas a Porto do Molle desde e cara a Vigo, así como unha liña circular continua a prezo reducido entre as praias e o festival.

Ademais, os asistentes ao festival disporán de descontos especiais para viaxar ata Porto do Molle, onde contarán cunha rebaixa do 35 por cento en Renfe e dun 10 por cento en Iberia.

“QUE SIGA EN NIGRÁN”

O novo alcalde de Nigrán, Juan González, manifestou que á localidade gustaríalle non perder e que se estabilizase” na zona un evento como o festival de PortAmérica, onde trasladou a súa confianza en “que siga en Nigrán”, concretamente no polígono industrial de Porto do Molle.

Así, fixo fincapé en que o festival permite atraer grupos que senón sería “imposible traelos” e supón un importante “respaldo turístico e unha forma distinta de facer cultura”. Ademais, recalcou, fai que “o nome de Nigrán traspase fronteiras”. “Gústanos que estea en Nigrán e gustaríanos que siga”, resumiu.

Pola súa banda, a xefa do servizo de Turismo Rías Baixas, Ruth González, comentou que este festival é un exemplo da colaboración público-privada nestes eventos, que “forman parte do turismo da zona” e permiten pór en valor “unha das provincias máis ricas en recursos de turismo”.

Neste sentido, destacou que a organización que representa está a facer unha “aposta maior” por promocionalos e, con iso, contribuír a todos os festivais das Rías Baixas, recentemente unidos baixo unha única marca.

23 de xuño de 2015 | 16:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.