publicidade hoxe

O DOG publica a cesión de dúas parcelas próximas á estrada PO-553 ao Concello de Tomiño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraTomiño
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a aprobación do decreto do cambio de titularidade de dúas parcelas lindeiras coa estrada PO-533 (Goián- Ponte Goián (fronteira de Portugal)) na parroquia de Goián, a prol do Concello de Tomiño. Trátase de dúas parcelas, que suman unha superficie de 11.305 m2 e foron expropiadas para a construción da ponte internacional en Goián (Tomiño)-Vilanova da Cerveira (Portugal).

Con este acordo dáselle resposta á solicitude trasladada polo Concello de Tomiño, que lle pedía á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o cambio de titularidade de dúas parcelas situadas nas inmediacións do río Miño, na zona de dominio público da estrada PO-553 (Goián–Ponte Goián), co obxecto de realizar nelas unha rexeneración ambiental e paisaxística para que sexan utilizadas como espazo de lecer e destinar os ditos bens a fins de interese social.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, así como de elementos funcionais e espazos da zona de dominio público adxacente, como é o caso destas parcelas, deberán ser aprobados por decreto da Xunta, por proposta da consellería competente en estradas.

A entrega deste treito de estrada deberá formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no DOG, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Corresponderanlle ao Concello de Tomiño, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación dos terreos sobrantes, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular dos terreos.

12 de xuño de 2015 | 12:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.