publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O conselleiro de Educación felicita ao IES As Barxas de Moaña pola creación dun libro ilustrado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMoaña
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, comprobou hoxe de preto todo traballo que desenvolveron no curso actual os alumnos e alumnas do IES As Barxas para darlle forma a un libro infantil ilustrado. O volume, denominado “Barxilón no mar do latón” e que será presentado no propio centro hoxe pola tarde, enmárcase dentro do proxecto de creación dunha editorial que resultou galardoado co I Premio Proyecta Innovación.

Tras coñecer de primeira man como se levou a cabo todo o proceso de creación do libro, o conselleiro felicitou ao alumnado participante nesta iniciativa, do que destacou a súa “capacidade de dedicación e esforzo, que agora se ve plasmada nun proxecto do máis alto nivel educativo”. De feito, esta creación mobilizou a gran parte dos rapaces e rapazas de 3º e 4º de ESO e de 1º de Bacharelato, así como a varios nenos e nenas de diferentes niveis educativos doutros catro centros.

Neste contexto, Román Rodríguez puxo en valor este traballo en conxunto que, agora, -segundo recordou- “non se quedará no instituto, senón que chegará a moitos centros educativos da Comunidade para converterse nun prezado libro de consulta e referencia escolar”, sinalou.

Trátase, ademais, dun proxecto –dotado, entre outras cousas, de realidade aumentada ou lectura accesible– recoñecido alén da Comunidade galega, pois recentemente recibiu o ‘Sello Buena Práctica iberoamericana Leer.es’, un recoñecemento do Centro Virtual Leer.es dependente do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. Este selo premia aquelas propostas didácticas que axudan a desenvolver a competencia en comunicación lingüística mediante o emprego das TIC, fomentando así a alfabetización lectora do alumnado.

PLAMBE e clubs de lectura como sinal de innovación

Precisamente, a Consellería leva avanzando por esta liña nos últimos anos a través, entre outras accións, do Plan de mellora de bibliotecas escolares (PLAMBE) ou os clubs de lectura, dous dos programas educativos novidosos cos que conta o IES As Barxas.

Tanto o PLAMBE como os clubs de lectura comparten obxectivos, ao estar ambas actuacións integradas no Plan LÍA de bibliotecas escolares do departamento educativo da Xunta, que concibe estes lugares dos centros como espazos de lectura, información e aprendizaxe.

No caso do PLAMBE, ao que este curso están adheridos un total de 550 centros galegos, as bibliotecas funcionan como un espazo transversal no cal se reforza a adquisición de competencias clave, se mellora a compresión e o hábito lector dos alumnos e alumnas. Ao mesmo tempo, trátase dun plan que axuda ao profesorado a adaptar as metodoloxías actuais ás novas necesidades da sociedade da información e ao novo alumnado, xa nativo dixital.

Por outra banda, e a través dos clubs de lectura, a Consellería pretende incentivar o hábito de lectura dende os propios centros e, así mesmo, insistir na adquisición de competencias clave, entre as que se inclúen a capacidade de argumentación e a lectura comprensiva. Neste curso 2014/2015, estes clubs están presentes en máis de 220 centros de ensino secundario de Galicia.

10 de xuño de 2015 | 16:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.