publicidade hoxe

O conselleiro de Cultura salienta un investimento de 72.000 euros na recuperación e posta en valor do Castro de Baroña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPorto do Son
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe o Castro de Baroña, onde o seu departamento inviste preto de 72.000 euros en obras de recuperación e posta en valor. Os traballos de campo, que remataron a mediados deste mes, permitiron obter novos datos sobre a historia do xacemento, un dos máis intensamente escavados de Galicia, ao tempo que constitúen unha garantía para a axeitada conservación deste castro, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) pola Xunta de Galicia no ano 2011.

Os labores abrangueron a escavación, acondicionamento e consolidación da muralla do primeiro recinto habitado no seu sector Norte. O obxectivo desta actuación era dobre: por unha parte evitar posibles derrubas, tal e como aconteceu como consecuencia dos temporais da primavera de 2014, e previr eventuais danos estruturais ou persoais de calquera clase que se puidesen producir; pola outra, tratar de recuperar o aspecto orixinal da estrutura castrexa e facilitar o seu uso como recurso cultural e turístico.

Os resultado dos traballos, levados a cabo nos dous últimos meses por un equipo de once arqueólogos e restauradores, permitiu o descubrimento dun complexo sistema defensivo formado por unha primeira muralla castrexa e un reforzo a xeito de barbacá que se constrúe posteriormente. Asemade, atopáronse as escaleiras que permitían o acceso ao camiño de rolda da muralla desde o interior do recinto, o que enriquece enormemente o valor arquitectónico do asentamento.

O conselleiro quixo lembrar que estas obras de recuperación e posta en valor xorden do compromiso do actual Goberno da Xunta e do Concello de Porto do Son coa conservación deste senlleiro castro, e que se retomaron en 2012 tras 14 anos sen actuacións arqueolóxicas de escavación ou conservación. Neste sentido fixo fincapé na importancia de coidar os elementos senlleiros do noso patrimonio cultural non só pola información que nos proporcionan das orixes do noso pobo e da nosa cultura, senón polo seu valor como xeradores de actividade turística, un dos sectores máis fortes da nosa economía.

Un enclave prototipo da cultura castrexa

Cunha extensión de 53.733 metros cadrados, o Castro de Baroña representa un dos mellores exemplos de enclave castrexo prehistórico da costa galega. Foi un dos primeiros castros galegos escavados cientificamente: a súa primeira intervención data do ano 1933 e despois continuaron, en distintas fases, ao longo da segunda metade do século XX.

O poboado disponse nunha península rochosa de relevo moi abrupto e se organiza en varios recintos, achanzados artificialmente e adaptados á topografía orixinal. No seu interior atópanse á vista os restos de máis de trinta construcións de pedra, de planta circular ou ovalada.

Ademais do seu emprazamento, moi fermoso, o castro de Baroña destaca pola espectacularidade do seu sistema defensivo, moi acrecentada a raíz do ciclo de intervencións iniciado en 2012. A muralla exterior, que pecha o istmo, está formada por un foxo de 4 metros de ancho e 5 de profundidade escavado na rocha viva e complementado por unha sólida muralla de cachotería. Logo, as plataformas habitadas deféndense por groso muro dobre dotado de barbacá e no que se abre unha porta monumental pavimentada de lousas.

As escavacións deste ano documentaron que o aspecto exterior do castro non foi sempre así, e que evolucionou e sufriu transformacións ao longo do tempo que o fixeron máis complexo e monumental. As mostras recollidas esta campaña, unha vez analizadas no laboratorio, permitirán obter unha cronoloxía exacta da vida deste asentamento, así como coñecer as datas de construción e abandono dos recintos. Este é un dos interrogantes pendentes na investigación do castro, un dos máis relevantes da nosa Comunidade tanto pola monumentalidade das súas estruturas defensivas, como polos relevantes restos de arquitectura doméstica achados no seu interior.

Así mesmo a súa situación, nun medio natural moi ben conservado, no que se poden observar aínda interesantes restos da arquitectura e da paisaxe tradicional, engade valor científico, etnográfico e mesmo turístico aos vestixios atopados.

30 de xuño de 2015 | 20:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.