publicidade hoxe

O Concello de Ponteareas celebra o seu pleno de organización

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonteareas
A-
A+
Pleno de organización en Ponteareas

Pleno de organización en Ponteareas

O Concello de Ponteareas celebrou esta mañá o seu pleno de organización, abrindo oficialmente as sesións plenarias da nova lexislatura. O pleno serviu para aprobar o número de dedicacións totais e parciais, tanto no goberno municipal como na oposición, así como as súas respectivas contías. O goberno local contará con dous concelleiros que percibirán unha dedicación total (25.200 euros brutos a percibir en 12 pagas) e con catro concelleiros que percibirán unha dedicación parcial (15.750 euros brutos a percibir en 12 pagas).

Os grupos da oposición terán dereito ao nomeamento dun concelleiro do seus grupos en réxime de dedicación parcial, que percibirá 15.750 euros brutos en 12 pagas.

As asignacións económicas pola asistencia a Plenos (105 euros), Xuntas de Goberno (66 euros) e Comisións Informativas (44 euros), tamén quedaron aprobadas. A lei establece que estas asignacións só poden ser percibidas por aqueles concelleiros que non teñan dedicación, sexa esta total ou parcial.

O goberno local estima un gasto total en todas estas partidas (dedicacións totais, parciais e asistencias a órganos) de 703.380 euros para os vindeiros catro anos, o que suporía un aforro de 154.212 euros con respecto aos catro anos anteriores.

O concello disporá dun total de sete Comisións Informativas Permanentes. Ditas comisións serán as seguintes: Réxime Interior (na que se inclúen as áreas de tráfico, seguridade cidadá, protección civil, bombeiros, persoal, honras e distincións, patrimonio, participación cidadá, transparencia e réxime de organización e funcionamento); Contas e Facenda; Cultura, Turismo, Normalización Lingüística, Ensino, Deporte e Mocidade; Benestar Social, Saúde e Consumo; Desenvolvemento Económico, Emprego, Comercio e Novas Tecnoloxías; Vías e Obras, Infraestruturas, Urbanismo, Vivenda, Medio Ambiente e Medio Rural.

Cada unha destas comisións terá un total de sete membros, incluído o alcalde, e o número de membros que corresponde a cada grupo político en cada unha das comisións será o seguinte: PP (2), BNG (2), PSOE (1), ACIP, (1) e o Grupo Mixto, formado por EU-SON e A Riada do Tea, (1).

A corporación estará formada por cinco grupos municipais. A voceira do BNG será Hortensia Bautista; a voceira do PSOE será María Jesús Garrote; o voceiro do Grupo Mixto será Lino Costas; o voceiro do Partido Popular será Salvador González Solla e o voceiro de ACIP será Juan Carlos González Carrera.

30 de xuño de 2015 | 19:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.