publicidade hoxe

O Concello de Fene programa campus deportivos para rapaces durante os meses de verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+

O Concello, a través da Concellería de Deportes e Cultura, levará a cabo nos meses de verán o II Campus Feminino de Fútbol Sala María Vieira “Mavi”, un Campamento Lúdico Deportivo e o Campus de Ximnasia Artística e Trampolín. O prazo de inscrición en todos eles abrirase o 23 de xuño no Departamento de Cultura e Deportes (Avda. Naturais, 44 entrechán, Fene).

Así, o II Campus Feminino de Fútbol Sala está destinado a nenas e rapazas de entre cinco e 18 anos, celebrarase entre o 13 e o 24 de xullo, de luns a venres, de 10 a 13 horas no pavillón polideportivo da Xunqueira e o número de prazas está limitado a 30. Contará con xogos e actividades multideporte –volei, futenis, bádminton, rugby, balonmán, baloncesto…-; exercicios de técnica de fútbol sala; actividades ao aire libre nos arredores do pavillón e praias do Concello; minipartidos e competicións, e a visita de xogadoras internacionais coa selección española de fútbol sala feminino e da 1ª División Nacional. A cuota de participación é de 28,20 euros e o prazo de inscrición, entre o 23 de xuño e o 8 de xullo.

O Campus de Ximnasia Artística e Trampolín vai dirixido a nenos e nenas maiores de 4 anos, celebrarase entre o 27 e o 31 de xullo, de luns a venres de 10 a 14 horas e, tamén, terá como escenario o pavillón da Xunqueira. A inscrición debe realizarse entre o 23 de xuño e o 22 de xullo, a actividade é gratuíta e as prazas están limitadas a 40. A programación inclúe xogos colectivos, exercicios de coordinación, control corporal, axilidade e equilibrio; iniciación á ximnasia artística, ao trampolín, obradoiros de manualidades e pintura… Conta coa colaboración da Escola de Ximnasia Ferrolterra.

Por último, o Campamento Lúdico Deportivo está pensado para nenos e nenas de 4 a 12 anos, desenvolverase entre o 3 e o 14 de agosto, de luns a venres de 10,30 a 14 horas, no CMI Unidade de Fene. Entre os xogos previstos, ximkanas en exteriores, actividades acuáticas e na piscina, obradoiros e actividades creativas, multideporte, xogos populares, concursos… Como no caso anterior, as prazas están limitadas a 30 e a cuota é de 28,20 euros. A inscrición, entre o 23 de xuño e o 28 de xullo.

5 de xuño de 2015 | 13:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.