publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Concello de Fene edita a guía “Ben.Estar.Coidando” de apoio aos coidadores de persoas dependentes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+

O Concello, a través da Concellería de Servizos Sociais, vén de editar a guía “Ben.Estar.Coidando”, na que se recollen os aspectos básicos do coidado da persoa dependente e o autocoidado da persoa coidadora, á vez que se difunde a posta en valor desta labor fundamental cara a sociedade. Unha guía que está a disposición de todos os feneses e fenesas e que poden recollela no Centro Municipal de Servizos Sociais.

A súa publicación inclúese no programa que leva o seu mesmo nome e que impulsa o Concello dende hai uns anos co obxectivo primordial de fortalecer emocional, psicolóxica e fisicamente ás persoas coidadoras que, sen ningún tipo de preparación, se atopan de súpeto ante a situación de ter que coidar a algún familiar dependente e realizar tarefas para as que non teñen os suficientes coñecementos: mobilizacións, curas, dietas, apoio emocional, aseos… E o máis importante: Estar ben para poder coidar ben.

Mediante esta guía o Concello quere dar a coñecer unha serie de estratexias que permitan á persoa coidadora estar menos triste, sentir menos angustia, gozar un pouco máis no día a día… Estratexias que lle posibiliten, en suma, vivir mellor a etapa de persoa coidadora. Do mesmo xeito, preténdese tamén instruír, formar e achegar coñecementos teóricos e prácticos, que lles permitan desenvolver mellor as tarefas de coidado, coñecendo a enfermidade, as técnicas de mobilización, primeiros auxilios, curas, dietética e alimentación…

2 de xuño de 2015 | 13:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.