publicidade hoxe

O Concello de Cervo lembra a obriga de solicitar permiso para as fogueiras da noite de San Xoán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervo
A-
A+

O Concello de Cervo informou hoxe de que é obrigatorio solicitar autorización para poder acender unha fogueira na noite de San Xoán. Para iso, unha das persoas da organización deberá facerse responsable dela (maior de idade), achegando datos de contacto como o nome e o teléfono. Da mesma maneira tamén é moi importante que indique o lugar exacto no que se vai facer o lume.

Sen este permiso quedará completamente prohibido acender lume. Unha solicitude que se poderá facer ata mañá día 19 ás 14 h. na Casa do Concello e na Casa da Cultura de San Ciprián, co que se pretende “levar un control de todas e cada unhas das fogueiras que van estar activas co obxectivo de que a noite de San Xoán se desenvolva en base ás normas básicas de seguridade e convivencia” explican dende o Concello.   

Hai que ter en conta que é moi habitual contar con ata 100 fogueiras activas ao mesmo tempo na noite de San Xoán, polo que é necesario telas localizadas para poder dar resposta en caso de algún problema ou incidente. Do mesmo xeito, o goberno local asegura que “a colaboración cidadá é moi importante nestes casos”. Por iso, lembra que “aínda que en xeral os veciños afrontan esta festa con prudencia e responsabilidade, no está de máis volver informar dalgunhas recomendacións de seguridade”. 

No caso das fogueiras, terán que facerse sempre a máis de 15 metros de distancia de vehículos, árbores, fachadas, edificios ou calquera construción e nunca debaixo de liñas eléctricas. Nunca se deberán utilizar sustancias inflamables para prender o lume nin tampouco se poden botar papeis ou tecidos con pouco peso, xa que o aire pode levantalos e facer que inicien un lume incontrolado noutro punto. 

Tampouco se deben botar pneumáticos, plásticos e outros elementos altamente contaminantes. E por suposto, unha vez rematada a festa é moi importante asegurarse de que o lume está completamente apagado. 

Especial mención merecen os saltos nas fogueiras, que deberán realizarse con extrema precaución utilizando calzado e vestimenta axeitada, e sempre valorar as posibilidades de saltar segundo o tamaño da fogueira, así como as condicións físicas e a idade do individuo. E lembrar que para calquera emerxencia hai que chamar ao 112. 

18 de xuño de 2015 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.