publicidade hoxe

O Concello de Cedeira descubre a historia da ancla do Paolina R, cuxa tripulación salvaron os veciños no século XIX

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+

Dende esta semana, veciños e visitantes poden contemplar e coñecer a historia da ancla que, dende finais do século XIX, permanecía soterrada no antigo peirao da vila, hoxe en día Paseo da Marina –entre a ponte vella e nova-. Unha ancla que, durante máis dun século, permaneceu oculta baixo o paseo e que no seu día pertenceu á bricbarca italiana Paolina R., cuxa tripulación naufragou fronte á praia do Cubilote, ao pé do faro da ría de Cedeira. E tripulación que conseguiu salvar a vida grazas á heroicidade dos veciños de Cedeira e á súa rápida resposta ante a catástrofe.

O Concello decidía darlle visibilidade á ancla e á súa historia e o alcalde en funcións, Luis Rubido, informaba esta mañá do remate dos traballos para facelo factible. Tras o seu descubrimento, habilitouse unha placa transparente para cubrila e colocouse unha balaustrada para protexela. Así mesmo, ubicouse un panel informativo en galego e castelán no que se recollen os feitos acontecidos en torno á embarcación e o papel dos cedeireses no rescate, así como iluminación para permitir a súa visión pola noite. Foi en 1880 cando se emitiu a orde real de construción do peirao nesa zona e, ao longo desa década, executouse. Naquel entón, optouse por soterrar a ancla e utilizala como argoia para o amarre das embarcacións.

Da súa existencia dába conta a argoia de ferro que sobresae da parte do muro máis próxima á ponte vella. Luis Rubido apuntou que a intención era homenaxear a aqueles cedeireses e cedeiresas que salvaron a vida dos trece tripulantes da Paolina R. Un veleiro xenovés que, procedente do porto de Plymouth, se dirixía a Nova Iork co seu cargamento e baixo as ordes de Santiago Demarchi e o oficial Giovanne Geacome. Ao seu paso pola ría de Cedeira, e segundo consta nos escritos da época, un terrible temporal provocou o seu naufraxio. Foi o cónsul italiano en Ferrol quen por aquel entón se fixo cargo de instruír o expediente de siniestralidade e destacar a actitude valente dos cedeireses que procederon ao seu rescate. Un feito histórico que foi premiado pola Sociedade de Salvamento de Náufragos. Agora, o Concello fai visible e pon en valor este anaco da historia de Cedeira.

11 de xuño de 2015 | 13:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.