publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O chantadino Damián Seijas repite o título de Mellor Barista de Galicia

Damián Seijas tras acadar o título

Damián Seijas tras acadar o título

O barista chantadino Damián Seijas fíxose co título de Mellor Barista de Galicia, na décima edición do Campionato Barista desta Comunidade, celebrado esta tarde no complexo comercial Área Central, de Santiago de Compostela.

Deste xeito, Damián Seijas, que xa conseguira o mesmo título en 2012 e que conta con outros recoñecementos de prestixio no panorama barista estatal, representará a Galicia no Campionato Nacional de Baristas, cuxa décima edición terá lugar en Málaga durante o próximo mes de outubro.

O segundo posto correspondeu ao vigués Marcos González, formado como barista na Escola Cafento e que rexenta o Café Bar Belén na cidade olívica (Avda. García Barbón, 103), e o terceiro a Alejandro Otero, formado na Escola de Hostalaría do IES de Foz, conocida no mundo cafetero como a “catedral do barismo de España”.

O propio Damián Seijas fíxose acredor dos outros tres recoñecementos dirimidos no certame: á Mellor Bebida de Especialidade, outorgado ao mellor combinado a base de café; ao Mellor Cappuccino Arte, atribuído ao mellor café con leite decorado coa técnica do latte art; e ao Mellor Espresso, outorgado ao mellor café só.

Organizada polo Fórum Cultural do Café e coorganizada por Área Central e Cafento, a décima edición do Campionato Barista de Galicia contou coa participación de oito dos maiores expertos en café procedentes de diversos puntos do país.

Os baristas prepararon, en 16 minutos, catro espressos, dous cappuccinos arte, e catro bebidas de especialidade: dúas delas con alcol e dúas sen. Todo iso baixo a atenta mirada de sete xuíces baristas homologados polo Fórum Cultural do Café: dous xuíces sensoriais, dous técnicos, dous xuíces de control e un xuíz líder, que avaliaron a técnica, a calidade e a orixinalidade das bebidas, así como a posta en escena e a precisión con que os baristas participantes describían cada un dos seus preparados e as súas calidades.

Sobre o Campionato de España de Baristas 

O Fórum Cultural do Café organizará este ano a décima edición do Campionato de España de Baristas, que vén celebrando desde o ano 2006. Con este certame preténdese divulgar a cultura do café e prestixiar a figura do barista como profesional e experto en café de calidade. A final terá lugar en Málaga o próximo mes de outubro.

Constituído en 1996 e oficializado en 1997, o Fórum Cultural do Café reúne a profesionais e empresas do sector do café de toda España. O seu obxectivo principal é transmitir a cultura do café aos profesionais e aos consumidores, velando polo interese xeral de todas as persoas ou empresas involucradas na cadea de produción, distribución e consumo e organizando actividades de interese para os seus asociados, de carácter formativo, técnico, artístico, lúdico ou cultural.

18 de xuño de 2015 | 20:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.