publicidade hoxe

O Castro das Barreiras acolle un xantar popular, teatro e fútbol gaélico en Vimianzo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVimianzo
A-
A+

O Asalto ao Castelo tomará este ano outra fortaleza vimiancesa, máis antiga, da época castrexa: As Barreiras. Xusto unha semana antes do propio Asalto, este sábado 27 a partir das 14h celébrase durante toda a tarde unha xornada reivindicativa, festiva e de convivencia. Tarde familiar na que non faltarán os xogos populares e no que se anima a todos os visitantes a traer a súa comida e bebida para un piquenique popular. A hora de convocatoria é ás dúas da tarde, cando comezará o xantar campestre.

Desde as tres da tarde haberá xogos populares e outras actividades para pasar un bo anaco tanto para os nenos como para os maiores. Unha das actividades será a Cerimonia do Tótem, dirixida polo actor Vicente de Souza, que lembrará as primeiras edicións do Asalto, nunha “adoración” do ariete con peles e cornos, onde se poderán deixar flores, realizar oracións rituais… Ademais diso, o espírito do Asalto tamén estará moi presente co ensaio das Irmandades parroquiais, que terá lugar no propio Castro das Barreiras, un desfile dos exércitos irmandiños antes de tomar a fortaleza.

Fútbol gaélico

Un dos puntos álxidos da tarde será a exhibición de fútbol gaélico que terá lugar no Castro das Barreiras ás 19.30h. Trátase dun deporte que está xurdindo con forza en Galicia, sobre todo despois dos Xogos Mundiais de Deportes Gaélicos en Abu Dabi, onde a selección galega masculina foi subcampioa e a feminina logrou o terceiro posto. De feito, en Vimianzo teremos a oportunidade de ver algúns dos xogadores que participaron nesa competición internacional. Os equipos encargados de realizar a exhibición serán Estrela Vermelha (formado en 2013 en Compostela) e Irmandinhos (o segundo en formarse de Galicia, en 2012 na Estrada). Despois do partido profesional, todas as persoas interesadas poderán acabar xogando primeiramente e gozando das últimas chispas da noite no animado e clásico Terceiro tempo.

O fútbol gaélico (en irlandés peil) é unha variante de fútbol xogada principalmente en Irlanda. É, xunto co hurling, un dos dous deportes con máis espectadores na Eyre e o deporte nacional dese país. O fútbol xógase por equipos de quince persoas (en Europa Continental os equipos están formados por once xogadores) nun campo rectangular con postes en forma de H en cada un dos dous extremos. O obxectivo principal é marcar pateando ou golpeando a bola coa man e conseguir que atravese a portería. O equipo que máis puntos teña ó final do partido gaña (os goles valen tres puntos e os tantos a paus, un). Os xogadores manexan o balón polo terreo de xogo cunha combinación de portar, facendo un só (soltando o balón e, sen deixalo caer, darlle co pé de novo de volta cara as mans), pateando e pasando coa man (sempre golpeando, nunca arrastrando) ós seus compañeiros.

Audiovisual

A exhibición de fútbol gaélico e a tarde nas Barreiras será rexistrada en vídeo, incluso con planos aéreos a través dun dron. E para iso cóntase coa colaboración do director Xacio Baño, creador emerxente.

O entorno

O castro das Barreiras é un xacemento singular e de moito interese. Sitúase no fondo do val de Vimianzo e mostra á vista unha estrutura arquitectónica espectacular, definida por vestixios do foxo e unha potente muralla que nalgún punto supera os 8 m. de altura. Estas defensas levántanse no medio dun Val, outra das singularidades desta fortaleza castrexa, que se pretende valorizar con esta xornada. Por iso pídese a todos os asistentes, que teñan en conta a importancia histórica do lugar e o respecto co que se debe tratar o entorno.

Programa da Tarde no Castro das Barreiras (Sábado 27 de xuño)

14h Xantar campestre

15h Xogos populares – Cerimonia do Tótem

18h Gaitas da A.C. Trubisquiña

18.30h Ensaio das Irmandades Parroquiais

19.30h Exhibición Fútbol Gaélico

21h Terceiro Tempo

Legua irmandiña e concerto Irmandiño Son

A actividade do Asalto ao Castelo nestes últimos días previos á semana grande xa comeza este venres 26 coa Legua Irmandiña e o Concerto Irmandiño Son. A carreira da categoría absoluta sairá sobre as 9 da noite da praza do Concello con final espectacular nun ambientado Castelo de Vimianzo, pero hai máis categorías para as diferentes idades.

Por outra parte, no concerto teremos a ocasión de gozar ao vivo dos grupos que participaron no cd Irmandiño Son. Será na praza do Concello ás 22.30h. O álbum xa está á venda por cinco euros. Pódese conseguir na libraría Roget, no Castelo de Vimianzo, no stand da organización, na zona dos concertos, en Cultura para levar (Santiago de Compostela), a través da web, das redes sociais, e a través dos propios artistas. (Dos 5 euros que custa o cd, 2 son para os grupos)

25 de xuño de 2015 | 10:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.