publicidade hoxe

O alcalde de Boqueixón toma medidas para reducir os gastos en vehículos e móbil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoqueixón
A-
A+

O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, tomou hoxe as primeiras medidas para reducir os gastos de funcionamento do concello en materia de vehículos e telefonía móbil. Segundo os cálculos efectuados polos técnicos do concello, o aforro será de 38.360 euros na lexislatura.

Deste xeito, o Concello de Boqueixón vai iniciar nos vindeiros meses o procedemento administrativo para subastar dous dos vehículos máis antigos do parque móbil municipal. Trátase de dous todoterreos Nissan Terrano, un de 1999 e outro de 2001, que prestan servizo nos departamentos de obras e de Protección Civil. Si non se conseguen ofertas por eles serán igualmente dados de baixa.

Son modelos que teñen uns elevados gastos de mantemento, tanto polas súas recorrentes visitas ao taller como polo seu elevado consumo de combustible e rodas. O Concello conta con outros vehículos máis modernos para realizar as mesmas funcións dos que se darán de baixa, polo que non se resentirá o servizo público. O aforro anual  calcúlase en 7.430 euros.

Por outra banda, o alcalde tamén anunciou unha redución de case o 40% no número de teléfonos móbiles que ten o concello dados de alta. Deste xeito, os novos concelleiros non disporán dun teléfono oficial e os móbiles dos diferentes servizos tamén se reducirán ao imprescindible, para pasar de 15 teléfonos a 9 terminais. O aforro estimado é de 2.160 euros anuais.

O alcalde destacou que estas medidas son as primeiras para acometer o programa de racionalización do gasto corrente a catro anos e eliminar o gasto superfluo para lograr unha mellor administración dos recursos de todos, segundo o expresado na Estratexia Boqueixón 2020, o documento que sirve de base para a xestión municipal nesta nova lexislatura.

17 de xuño de 2015 | 19:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.