publicidade hoxe

Música, baile, chocolatada e agasallos na Tarde Solidaria de Cabanas Rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabanas
A-
A+

A sexta edición da Tarde Solidaria que organiza Cabanas Rural Asociación de Mulleres a beneficio de AFAL Ferrolterra vén cargada dunha morea de actividades que inclúen dende música ata baile, pasando por manualidades en directo, ximnasia ou sorteo de agasallos. Así, o programa arrancará este sábado, 6 de xuño, ás 16,30 horas.

No pavillón de Lavandeira, Cabanas Rural dará a benvida aos asistentes, que confía volvan secundar masivamente a cita, tal e como sucedeu nas edicións anteriores, chegando en 2014 ao millar de persoas. Ás 16,35 horas, comezará unha vistosa e espectacular exhibición de baile a cargo de Fusion Dance, que un ano máis volve colaborar desinteresadamente coa Tarde Solidaria. Bailaríns de todas as idades amenizarán a velada. Unha hora máis tarde, sobre as cinco e media, os maiores de AFAL Ferrolterra e as alumnas dos talleres de Cabanas Rural protagonizarán un dos momentos máis bonitos da xornada.

Baixo a dirección da pintora e profesora María Porto, crearán un cadro que, como é costume, pasará a decorar o centro de día terapéutico de AFAL. E faranno co aliciente de escoitar a música da tuna, que inundará o pavillón. Ás 18,15 horas dará comezo a merenda, a base de biscoitos e chocolate e, media hora máis tarde, a tuna volverá a animar o ambiente cunha actuación que se prolongará ata as 19,20 horas. Nese momento, os maiores de AFAL participarán nunha actividade de ximnasia terapéutica, acompañados dos membros do ximnasio Xiros das Pontes. E, sobre as 19,45 horas, todos os participantes faránse a foto de familia.

Por último, ás 20 horas, procederase ao sorteo dos agasallos cedidos por particulares e establecementos entre aqueles que mercasen as rifas, cuxa recadación se destina a AFAL Ferrolterra. Nesta liña, AFAL Ferrolterra quere agradecer moi especialmente a Cabanas Rural Asociación de Mulleres o incrible traballo que leva a cabo para facer posible esta iniciativa solidaria xa consolidada no calendario da comarca e o cariño que sempre lle amosa. E, xunto a Cabanas Rural, desexa animar á veciñanza a que asista este sábado á Tarde Solidaria para pasar unhas horas agradadables, solidarias e na mellor compañía.

1 de xuño de 2015 | 13:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.