publicidade hoxe

Monforte participará na gran cita do turismo de proximidade Expocidades en Viana do Castelo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorMonforte de Lemos
A-
A+

Monforte de Lemos participará na feira Expocidades que se celebrará os vindeiros días 19, 20 e 21 de xuño en Viana do Castelo. Esta vila lusa será a anfitrioa durante tres días a partir do 19 deste mes da feira Expocidades, salón que naceu en 2013 para potenciar o turismo de proximidade e promocionar os grandes atractivos dos municipios galegos e do norte de Portugal que conforman o Eixo Atlántico, entidade organizadora.

Esta gran cita turística, que alcanza a súa terceira edición, está pensada para que os visitantes que percorrerán os seus 32 expositores poidan planificar escapadas e experiencias turísticas de proximidade, pero tamén para favorecer a relación directa entre as distintas axencias e operadores do territorio.

Expocidades, que abre as súas portas no Centro Cultural, consolidouse en tan só tres anos como un dos encontros turísticos de referencia. O ano pasado reuniu en Pontevedra, cidade na que se organizou, a máis de 10.000 persoas, e espérase que esta cifra sexa moi superior xa que coincide coa celebración en Viana do Castelo da súa Feira Medieval.

Durante os días 19, 20 e 21 os visitantes poderán non só coñecer os grandes tesouros das cidades presentes senón gozar de numerosas degustacións gastronómicas, actuacións de música e talleres de artesáns, entre outras actividades. O escenario onde se organiza, o Centro Cultural, é unha das edificacións máis emblemáticas do municipio, obra de Souto de Moura, que se atopa no paseo fluvial, deseñado por Álvaro Siza, ambos galardoados nos premios Pritzker, considerados os novel da Arquitectura.

Inauguración da Praza Eixo Atlántico

O Eixo Atlántico, coincidindo coa organización de Expocidades, celebrará unha reunión da súa Comisión Executiva e inaugurará unha praza en Viana do Castelo que levará o nome da organización transfronteiriza.

15 de xuño de 2015 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.