publicidade hoxe

Medio Ambiente inicia a construción da potabilizadora que mellorará o abastecemento de Cerdedo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCerdedoLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas comezou esta semana as obras para a execución do abastecemento a este municipio desde o río Seixo e a estación de tratamento de auga potable (ETAP).

O Goberno galego, a través de Augas de Galicia, achega un importe de 1.144.000 euros para a realización destas obras hidráulicas que mellorarán a calidade de vida dos habitantes deste municipio pontevedrés e que ten un prazo de execución de seis meses. 

Na actualidade, o núcleo de Cerdedo abastécese por gravidade do canal de derivación dun aproveitamento hidroeléctrico existente no Lérez. A auga deste canal está suxeita aos réximes de turbinas da central e non garante a calidade necesaria, xa que tamén recibe augas arriba o efluente da EDAR de Forcarei. A auga proveniente do canal é tratada unicamente mediante desinfección nun depósito duns 400 m3 de capacidade que non dispón de acometida eléctrica. Neste senso, as obras proxectadas darán solución a estes problemas, levarase a cabo un novo abastecemento, mediante unha captación por gravidade no río Seixo, que destaca pola excelente calidade das súas augas. 

O proxecto prevé unha captación mediante pozo filtrante de aros prefabricados perforados de 2 metros de diámetro interior. Do pozo partirá unha condución cunha lonxitude de 3.820 metros, que chegará ata a nova ETAP. Tamén se executará unha nova condución,  duns 160 metros de lonxitude para a condución de baixada desde o depósito de cabeceira ata a conexión coa rede actual. 

Ademais da ETAP proxéctanse dous depósitos circulares de 250 m3 de capacidade e prefabricados de formigón, con cotas de auga 422,5 – 427,8 metros. 

A Xunta de Galicia, mediante estas actuacións, pretende mellorar a calidade da auga que abastece os habitantes do Concello de Cerdedo e darlle servizo a unha poboación estimada de 1.267 habitantes.

5 de xuño de 2015 | 13:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.