publicidade hoxe

Medidas de ordenación do tráfico e de fomento do transporte colectivo reforzarán o sistema de regulación do acceso á praia das Catedrais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadeo
A-
A+

O sistema de control de acceso á Praia das Catedrais reforzarase con medidas de ordenación do tráfico na contorna do Monumento Natural e de fomento do transporte público cara ao mesmo. Entre mañá e o vindeiro 30 de setembro, as persoas que visiten este espazo protexido, situado no concello lucense de Ribadeo, deberán contar cunha autorización, que pode conseguirse en poucos minutos a través da web http://ascatedrais.xunta.es.

A regulación do acceso é unha das medidas recollidas no Plan de Conservación da Praia das Catedrais, aprobado polo Consello da Xunta o pasado 11 de xuño, co obxectivo de facer compatible a preservación dos valores naturais deste espazo cun desenvolvemento turístico sustentable.

Co mesmo fin, a Consellería de Medio Ambiente está a traballar en coordinación coa Delegación do Goberno en Galicia e a Deputación Provincial de Lugo de cara a unha regulación integral do uso público do Monumento Natural. Así, estanse a ultimar as medidas necesarias para reducir a densidade de vehículos que se rexistra na vía de acceso ao Monumento Natural, e reconducir os coches dos visitantes cara aos aparcadoiros existentes na contorna que dispoñen de acceso peonil ata a Praia das Catedrais. 

Ademais, para contribuír a reducir a acumulación de vehículos nas inmediacións do Monumento Natural, desde mañá os visitantes que acudan en autobús desde Ribadeo, cuxos horarios estarán adaptados ás mareas, e os usuarios dos trens turísticos terán garantido o acceso.

A partir de mañá reforzarase o traballo dos guías do servizo de Conservación da Natureza que desde os días pasados están a proporcionarlle cumprida información aos visitantes, do mesmo xeito que o persoal de Turismo de Galicia recollerá a opinión das persoas que se acheguen ao Monumento Natural. 

Aposta polo turismo sustentable

Tendo en conta que un dos obxectivos do Plan de Conservación é contribuír á dinamización económica e turística, está previsto que as persoas que se aloxen nos establecementos do concello de Ribadeo poderán acceder á Praia das Catedrais sen necesidade de reservar autorización previa. 

Así mesmo, a Xunta distribuirá unha porcentaxe de autorizacións diarias entre os concellos da comarca da Mariña e o Clúster de Turismo de Galicia. 

Con carácter xeral, os pases poden conseguirse cunha antelación máxima de 15 días e ata a mesma xornada da visita, mediante un procedemento áxil que é posible realizar con facilidade desde o teléfono móbil. Dese xeito, sempre que non estea completo o límite diario, os visitantes que cheguen ao Monumento Natural sen autorización previa poderán conseguila a través da aplicación web e se o precisan, contarán con axuda dos guías da Xunta. 

A través da web http://ascatedrais.xunta.es tamén se proporciona información de interese sobre os horarios das mareas e as horas máis propicias para a visita, así como sobre o número de autorizacións aínda dispoñibles para cada día. 

Por outra parte, a Axencia Turismo de Galicia elaborou unha guía destinada a promocionar itinerarios complementarios e alternativos na contorna do Monumento Natural da Praia das Catedrais. Así, Alén das Catedrais, que xa pode consultarse na páxina web de Turgalicia (http://issuu.com/turgalicia/docs/guia_alen_das_catedrais_g) propón ata trece rutas distintas para descubrir este recanto de Galicia. Trátase dunha completa guía con itinerarios que supoñen investir entre unha e tres horas en visitar lugares de interese e que axuda aos turistas a coñecer sete municipios da Mariña lucense partindo da Praia das Catedrais. 

O Plan de Conservación do Monumento Natural

O Plan de Conservación do Monumento Natural da Praia das Catedrais nace da preocupación polo perigo de degradación deste espazo protexido, situado no concello de Ribadeo e de gran atractivo turístico, e ten como  obxectivo xeral facer compatible a preservación dos valores ambientais que motivaron a declaración de Monumento Natural co desfrute público do lugar. 

Trátase dun instrumento de planificación que, a partir dun diagnóstico científico sobre as principais ameazas que afronta o espazo protexido, establece un réxime de usos e aproveitamentos. Esa avaliación de riscos permitiu constatar que a excesiva concentración de visitantes durante determinadas épocas do ano representa un risco severo para a conservación dos hábitats prioritarios do Monumento Natural da Praia das Catedrais, e as probas de carga realizadas cifran en 4.812  persoas e día o límite recomendable para evitar danos. En consecuencia, ese será o número máximo de visitantes que poderán acceder ao espazo durante os meses de xullo, agosto e setembro na Semana Santa.

30 de xuño de 2015 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.