publicidade hoxe

José Luís García repite como alcalde de Brión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+
Toma de posesión do cargo como alcalde de Brión

Toma de posesión do cargo como alcalde de Brión

José Luís García García tomou esta mañá posesión como alcalde de Brión, cargo que ocupa por novena lexislatura consecutiva dende que gañara as primeiras eleccións democráticas de 1979 (seis delas como independente e as tres últimas como candidato do PSdeG-PSOE). Tras votación en urna, José Luís García foi elixido cos 9 votos a favor dos concelleiros socialistas, fronte aos 2 rexistrados polo voceiro do PP, José David García Arcos, e os 2 votos obtidos polo voceiro do BNG, Xesús Pena.

Na súa primeira intervención como alcalde, Xosé Luís García amosou o seu agradecemento “a todos os veciños e veciñas de Brión pola súa participación e comportamento nas eleccións do 24 de maio, así como aos nosos votantes, concelleiros que hoxe me acompañan e ao persoal do Concello, cuxo traballo exemplar fai que o labor feito fose todo un éxito de xestión sen que entrasen ningún tipo de ideoloxía no seu quefacer diario”. 

O alcalde brionés asegurou que “os piares sobre os que se asentaba o noso programa electoral son dende xa os eixos do noso programa de Goberno”. Así, José Luís García indicou que “nestes tempos de dificultade temos que estar moi atentos e ao lado dos nosos veciños, sobre todo dos máis necesitados, aumentando o gasto social e mantendo o investimento produtivo para facer todo o que estea nas nosas mans para fomentar a creación de emprego”.

Así mesmo, José Luís García quixo tamén “tender a man aos grupos da oposición. O diálogo, aínda que sexa dende posturas discrepantes, será sempre o que presida este Goberno. Estou disposto a chegar a acordos en todos os asuntos que beneficien aos veciños e veciñas de Brión”. García, só pediu “atopar este mesmo talante entre os grupos da oposición e que se evite calquera tentación de caer na crítica destrutiva ou na demagoxia”.

Desenvolvemento do acto

O secretario municipal foi o encargado de dar inicio á sesión, que foi presidida polas concelleiras de maior idade, María del Carmen Rey Túñez, e a máis nova, Yolanda Bouzas Alfonsín, ambas do PSdeG-PSOE. Acto seguido, os trece concelleiros electos xuraron ou prometeron os seus cargos (os 9 concelleiros socialistas optaron pola fórmula de prometer o cargo, os dous concelleiros do BNG prometeron “por imperativo legal” e os dous concelleiros populares elixiron xurar o cargo). A votación do alcalde resolveuse na primeira volta, ao obter José Luís García o apoio dos 9 concelleiros do seu grupo, mentres que populares e nacionalistas optaban por votar ao seu respectivo candidato. 

A anécdota da xornada estivo protagonizada por un erro do secretario municipal que, cando chamou aos concelleiros para a xura/promesa do cargo por orde alfabética, saltouse ao concelleiro do PP José David García Arcos, que tampouco se  percatou da circunstancia ata que o secretario chamou a José Luís Sampedro dicindo que era “o último”. Avisado do erro, García Arcos xurou o seu cargo e Sampedro pechou a rolda de xuramentos.

Composición da corporación

Deste xeito, a corporación brionesa queda composta do seguinte xeito:

José Luís García García. PSOE

Yolanda Bouzas Alfonsín. PSOE

José Luís Sampedro Bouzas. PSOE

María Guarina Rey Vázquez. PSOE

María del Carmen Rey Túñez. PSOE

María Rosa Romero Fariña. PSOE

Jesús Quintela Vázquez. PSOE

José Pedro Cambón Fernández. PSOE

Francisco Javier Blanco Sánchez. PSOE.

José David García Arcos. PP

Patricia Agrafojo Lois. PP

Xesús Pena Espiña. BNG

José Luís Penas Corral. BNG

13 de xuño de 2015 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.